Subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Prazo: 12-02-2024

Data: 

sábado, 13 Xaneiro, 2024 (Todo o día) a luns, 12 Febreiro, 2024 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Orde do 27 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2024, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (código de procedemento PR486A).

BDNS (Identif.): 738173.

Obxecto

Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais (código de procedemento PR486A), que se indican a seguir:

1. Obras de instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública.

2. Obras de pavimentación de camiños públicos municipais.

3. Obras de construción, mellora e ampliación de parques infantís, cubrición de parques infantís ou construción de novos parques infantís cubertos.

4. Obras de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais, obras de adaptación para garantir que resulten accesibles e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

Para os efectos desta orde, terán a consideración de edificio ou dependencia destinada á prestación dos servizos municipais aqueles relacionados co exercicio de calquera das competencias referidas no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, ou coa prestación dos servizos incluídos no artigo 26.1 da mesma lei.

Beneficiarios

Os concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitido as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2022 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de tres millóns cincocentos mil euros (3.500.000,00 €).

Gastos subvencionables e requisitos dos proxectos

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante, con posterioridade á presentación da solicitude da axuda, como consecuencia da realización dos proxectos de investimento indicados no artigo 1, acordes cos requisitos e criterios indicados neste artigo e que se destinen a:

a) Execución de obras e adquisición de equipamentos imputables ao capítulo VI do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.

Para estes efectos, só serán equipamentos subvencionables as subministracións de mobiliario xeral, de mobiliario e equipamento de oficina, de equipamento informático e de equipamento audiovisual.

b) Custos directamente relacionados cos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de arquitectura e enxeñaría. O importe total destes custos xerais non poderá superar o máximo do 12 % do investimento subvencionable.

2. En todo caso, os proxectos serán completos e de fase única, susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. Non se admitirán a trámite os proxectos estruturados en fases nin fases de proxectos.

3. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables:

a) A adquisición de terreos.

b) Os gastos correntes en bens e servizos necesarios para o exercicio das actividades das entidades locais.

c) Os investimentos de carácter inmaterial non incluídos no número 2 deste artigo.

d) A adquisición de elementos decorativos ou ornamentais.

e) Os proxectos relacionados coa implantación de enerxías renovables ou coa prevención e extinción de incendios forestais, os proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de prazas, paseos e rúas, e os de instalacións deportivas de uso público.

f) As obras de reparación e de mantemento, como rozas e limpeza de gabias ou reparación de fochas en vías públicas; os proxectos de redes de luz pública que consistan unicamente na substitución de lámpadas ou luminarias, ou aqueles destinados á colocación, substitución ou reparación de elementos e pezas illadas en mobiliario ou equipamentos públicos.

g) Os investimentos que substitúan ou modifiquen outros financiados anteriormente ao abeiro desta liña de subvencións (PR486A), dos cales aínda non pasasen cinco anos desde a data de certificación do gasto.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 738173): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Administración Local.

 

Descargas: