SUBVENCIÓNS DESTINADAS Á CREACIÓN DE VIVEIROS INDUSTRIAIS DE EMPRESAS EN PARQUES EMPRESARIAIS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA. PRAZO: 08-02-2021

Data: 

sábado, 9 Xaneiro, 2021 (Todo o día) a luns, 8 Febreiro, 2021 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación 

ORDE do 18 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento IN541A). BDNS (Identif.): 542653.

Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases teñen por obxecto a creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais existentes ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia ou en solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións.

2. Os proxectos subvencionables ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2021.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios

1. Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos, dentro do seu ámbito territorial, de acordo co obxecto desta orde, para a creación de viveiros industriais de empresas nos parques empresariais existentes, en desenvolvemento ou en solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións no seu termo municipal.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, só poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas as actuacións para a construción, reforma e/ou equipamento interior de naves industriais, co fin de crear un viveiro industrial de empresas. Enténdese por viveiro industrial de empresas, para os efectos desta orde, un espazo físico para o nacemento de novas empresas de carácter industrial, en que se ofrecen as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas por un tempo limitado.

2. O concello debe ser titular das naves industriais que conforman o viveiro industrial de empresas.

3. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2021 ata a data de xustificación do investimento.

4. Non se valorarán, para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de taxas, de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

5. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

6. Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente a que se refire o artigo 20.8 da presente orde.

7. Para ser subvencionables, as actuacións deberán estar en condicións de ser utilizadas unha vez finalizado o prazo de xustificación.

8. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

9. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando o órgano competente da entidade local contabilizase o recoñecemento da obriga.

Financiamento

1. As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

2. Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 240.000,00 euros por solicitude.

3. As intensidades de axuda poderán ser inferiores ás sinaladas no caso de que un grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación esgoten o crédito dispoñible; neste caso ratearase o crédito de xeito proporcional aos investimentos subvencionables das solicitudes implicadas.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Descargas: