SUBVENCIÓNS CORRESPONDENTES Á ARI DA RIBEIRA SACRA DENTRO DO PROGRAMA DE FOMENTO DA REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANA E RURAL DO PLAN ESTATAL DE VIVENDA 2018-2021. PRAZO: 30-10-2020.

Data: 

mércores, 8 Xullo, 2020 (Todo o día) a venres, 30 Outubro, 2020 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo 

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2020 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes á área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra (códigos de procedemento VI408L, VI408M e VI408N).

Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural previsto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), no ámbito da área de rehabilitación integral (en diante, ARI) da Ribeira Sacra, e abrir o prazo para solicitar a participación neste programa (códigos de procedemento VI408L e VI408M).

2. Así mesmo, por medio desta resolución, apróbanse as bases reguladoras que rexerán na Comunidade Autónoma de Galicia a concesión das subvencións previstas para este programa nos acordos que se asinen entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para o financiamento da ARI da Ribeira Sacra (código de procedemento VI408N).

Ámbito do programa

1. As actuacións de rehabilitación e de renovación, así como, de ser o caso, as obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano en espazos públicos, deberán realizarse no ámbito desta ARI, que comprende os 25 concellos seguintes, pertencentes á provincia de Lugo e de Ourense, de acordo coa relación de parroquias que figuran no anexo I desta resolución:

Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Chantada, Esgos, Manzaneda, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo.

2. Naqueles concellos que xa teñan unha ARI declarada no seu termo municipal manterase a vixencia dos acordos de financiamento xa asinados con estes concellos.

3. Naqueles concellos atravesados polo Camiño de Inverno e polo Camiño Francés, a ARI da Ribeira Sacra prevalecerá sobre o trazado da ARI destes Camiños de Santiago. En consecuencia, as parroquias destes concellos sinaladas no citado anexo I, que estean dentro do ámbito destes dous Camiños de Santiago, quedan excluídas destes para integrarse na ARI da Ribeira Sacra.

4. As solicitudes de cualificación provisional ou definitiva para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas situadas en parroquias que estean no trazado do Camiño de Inverno e do Camiño Francés da ARI dos Camiños de Santiago correspondentes a concellos comprendidos na ARI da Ribeira Sacra que na data da publicación desta resolución no DOG estean pendentes de resolver, tramitaranse e resolveranse segundo a normativa correspondente á ARI dos Camiños de Santiago.

5. A partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, as solicitudes de cualificación provisional para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas situadas en parroquias que estean no trazado do Camiño de Inverno e do Camiño Francés da ARI dos Camiños de Santiago correspondentes a concellos comprendidos na ARI da Ribeira Sacra deberán realizarse no marco desta resolución ou da normativa que a substitúa. No suposto de que se presenten ao abeiro da normativa da ARI dos Camiños de Santiago, tramitaranse de conformidade con este programa.

Persoas ou entidades beneficiarias

Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias destas subvencións:

a) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

b) As agrupacións de persoas propietarias.

c) As persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.

d) As administracións públicas para as actuacións sinaladas no punto 1.e) do ordinal décimo primeiro.

Actuacións obxecto de cualificación

1. De conformidade co artigo 51 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, son actuacións obxecto de cualificación as seguintes:

a) As previstas no artigo 36 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o Programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade en vivendas, sempre que se acade unha redución da demanda enerxética nos termos establecidos no citado artigo.

b) As previstas no artigo 43 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas.

c) A execución de obras e/ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos aos estándares previstos pola normativa vixente.

d) As obras de demolición de edificios, de vivendas e infravivendas e as obras de construción de edificios de vivendas e vivendas de nova construción, en substitución doutros previamente demolidos. Os novos edificios e vivendas deberán ter unha cualificación enerxética mínima B e cumprir, en todo caso, coas exixencias do Código técnico da edificación.

e) A execución das seguintes obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano:

– As de urbanización e reurbanización material dos espazos públicos, tales como consolidación, pavimentación, xardinaría, infraestruturas, instalacións, servizos de abastecemento de auga, saneamento, subministración enerxética, iluminación, recollida, separación e xestión de residuos, telecomunicacións e utilización do subsolo.

– As de mellora da accesibilidade dos espazos públicos.

– As de mellora da eficiencia ambiental nas seguintes materias:

– En materia de auga, as de redución do uso de auga potable e de rega, as de xestión sustentable das escorras urbanas, as augas pluviais e residuais, e as de xestión de depuración e o seu retorno adecuado ao medio.

– En materia de enerxía, as de mellora da eficiencia enerxética en edificación e en servizos urbanos, as de implantación de enerxías renovables e sistemas de climatización centralizada ou de distrito, considerados eficientes segundo a Directiva 2012/27/UE; as de fomento da mobilidade sustentable e, en xeral, todas aqueloutras destinadas a reducir a demanda enerxética, as emisións de gases contaminantes e a aumentar o uso de enerxías renovables.

– En materia de xestión de residuos e uso de materiais, as de mellora da reciclaxe dos materiais, conforme os plans nacionais ou autonómicos de recollida de residuos, as de uso, tanto de materiais reciclados ou renovables en edificacións e en urbanizacións como de materiais locais, ligados a estratexias de promoción dunha xestión sustentable do territorio.

– En materia de protección e mellora da biodiversidade, as infraestruturas verdes urbanas, como as propostas de conectividade de espazos verdes, de promoción de cubertas verdes ou de implantación de especies adecuadas ao medio.

2. As actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas deberán estar entre as comprendidas no catálogo de actuacións que se incorpora como anexo II a esta resolución.

3. En cada convocatoria das axudas deste programa especificaranse os tipos de actuacións subvencionables de entre as sinaladas neste ordinal, en función do financiamento dispoñible.

Prazo de presentación de solicitudes de cualificación

O prazo de presentación de solicitudes de cualificación provisional e de cualificación definitiva das actuacións abrirase o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e finalizará en todo caso o 31 de decembro de 2021.

Sen prexuízo do anterior, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, poderase pechar o prazo para a presentación das solicitudes de cualificación provisional e cualificación definitiva, en atención ao financiamento previsto nos correspondentes acordos específicos asinados no seo da Comisión Bilateral. A resolución de peche do prazo de presentación de solicitudes publicarase no DOG e na páxina web do IGVS.

Descargas: