PREMIOS COOPERA GALICIA 2017 PARA IMPULSAR E DIFUNDIR AS INICIATIVAS DE ASOCIACIONISMO MUNICIPAL. PRAZO: 21-11-2017

Data: 

venres, 22 Setembro, 2017 (Todo o día) a martes, 21 Novembro, 2017 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública dos premios Coopera Galicia 2017 para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal, mediante a distinción pública de proxectos de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia. BDNS (Identif.): 362607.

Creación do premio e convocatoria

1. Institúense e convócanse os premios Coopera Galicia 2017 para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal, mediante a distinción pública de proxectos de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os premios recoñecerán os mellores proxectos de xestión compartida de servizos, promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia, para a mellora dos sistemas xa implantados ou para novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Obxecto e réxime

1. Os premios Coopera Galicia 2017 (PR420A) teñen por obxecto o impulso e a difusión das iniciativas de asociacionismo municipal mediante a distinción pública de proxectos de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os traballos consistirán en proxectos, incluso proxectos piloto, para a mellora dos sistemas xa implantados ou para o desenvolvemento de novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Para os efectos desta orde, terán a consideración de servizo os derivados da xestión das competencias municipais recollidas no artigo 25.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

2. A concesión dos premios realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

3. Os premios terán os importes indicados no artigo 3 desta orde. Cada un dos premios outorgarase de xeito individual a unha única candidatura ou ben declararase deserto.

Así mesmo, o xurado poderá outorgar unha ou varias mencións especiais a algúns dos proxectos participantes, que non terá dotación económica. As entidades ganadoras desta mención especial recibirán un diploma de entidade local subvencionable, que, en ningún caso, levará consigo compromiso económico por parte da Administración autonómica.

4. Todas as entidades premiadas e as distinguidas con mención especial recibirán un diploma Premios Coopera Galicia 2017 e, no caso das premiadas, o importe do premio, que lles será aboado mediante transferencia bancaria.

5. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no número 2 deste artigo, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios aplicables aos órganos colexiados segundo a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Destinatarios

1. Poderán optar a estes premios as agrupacións de concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos de Galicia, os consorcios locais galegos e as áreas metropolitanas, se as houber, que presenten un proxecto de xestión compartida de servizos para a mellora dos sistemas xa implantados ou para novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Para os efectos desta orde, considérase agrupación de concellos unha candidatura subscrita por dous ou máis concellos.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todas as entidades participantes deberán cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do exercicio orzamentario de 2015. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación e a súa falta de acreditación por parte dalgunha das entidades participantes na candidatura supoñerá a inadmisión desta. No caso de agrupacións de concellos, este requisito deberá acreditalo individualmente cada un dos concellos integrantes da agrupación.

4. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais adscritos ou dos cales forma parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

 Financiamento

1. A convocatoria farase efectiva con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141.A.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, ata unha contía máxima de 77.500,00 €.

2. Establécense tres categorías de premios coas seguintes contías:

– 1º premio: 40.000 €.

– 2º premio: 25.000 €.

– 3º premio: 12.500 €.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento, non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: