Os concellos reprochan á Xunta a imposición de medidas inasumibles

Data: 

martes, 16 Xuño, 2020 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias esixe á Xunta de Galicia participar na toma de decisións das medidas a adoptar por mor da  COVID-19. Esta reclamación acordouse por unanimidade ao remate da reunión da Comisión Executiva (órgano con representación de todas as formacións políticas), na que quedou de manifesto o malestar dos concellos por algunhas das medidas Xunta publicadas no D.O.G.

Os concellos comprenden a complexidade da situación e a necesidade de implantar ditas medidas, pero consideran que a Xunta está a conferirlles unhas funcións de xeito pouco realista, sen ter en conta as necesidades económicas e de recursos humanos que a posta en marcha de ditas medidas require e, en moitos casos, sen dispor incluso do tempo necesario para a súa implantación.

O exemplo máis referido foi a apertura dos parques infantís, xa que os concellos que contan cun considerable número destas infraestruturas quéixanse do sobrecusto económico e o aumento de persoal necesario para poder facer unha limpeza e desinfección diaria en todos eles.  

Dende a declaración do Estado de alarma os concellos non cesaron de asumir funcións extraordinarias, primeiro para a contención da pandemia e posteriormente para recuperar a actividade social e económica sen pór en risco a saúde pública. Como membro do CECOP, a Fegamp deu traslado reiteradamente a través do seu presidente Alberto Varela da necesidade dunha maior coordinación e traballo conxunto das administracións na toma decisións. Os esforzos esixidos para os parques infantís veñen a sumarse aos que os concellos veñen a realizar nas últimas semanas para reabrir servizos e infraestruturas municipais como as instalacións deportivas. A Fegamp considera imprescindible estudar de forma conxunta os ámbitos restantes para resolver as dificultades que plantexa a súa execución e abordar situacións futuras como a celebración de festas dos concellos e outros eventos populares, cuestión sobre a que Alberto Varela xa pediu protocolos anticipadamente.

Así mesmo, nas distintas intervencións, os membros da Comisión coincidiron no desbordamento do persoal municipal dunha banda polo aumento natural das necesidades da súa poboación que entran nas súas competencias, e doutra, por prestar atención á poboación no lugar doutras administracións que non incorporaron a totalidade dos seus traballadores.