Os concellos galegos e os enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia colaborarán sobre a banda ancha

Data: 

martes, 26 Marzo, 2024 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) mantivo hoxe un encontro cunha representación do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG/AETG) para tratar sobre a futura regulación do desenvolvemento das infraestruturas de banda ancha en relación aos concellos galegos.

Na xuntanza participaron o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, que estivo acompañado pola secretaria xeral, Patricia Vilán, e polo coordinador xeral, Xosé Manuel Rodríguez. O COETG/AETG estivo representado polo seu decano/presidente, Julio Sánchez, que asistiu acompañado polo director/xerente da AETG, César Mariñas.

Na xuntanza os representantes da organización profesional sinalaron o labor que xa veñen desenvolvindo coa AMTEGA, dende a Oficina de Atención aos Concellos, que resolve cuestións técnicas. Tamén achegaron a información da ordenanza tipo que teñen moi avanzada dende a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e dos traballos iniciados hai tempo dende a FEGAMP nese tema.

O presidente da FEGAMP expuxo poder abrir unha liña de traballo en común, mediante un convenio de colaboración que aborde a extensión da banda ancha polo territorio galego, a cobertura 5G en ausencia de cable de fibra, avanzar na elaboración da ordenanza tipo para Galicia, e celebración de actividades divulgativas e formativas en común. En breve se concretarán os primeiros pasos desta colaboración entre ambas organizacións.