Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias canaliza a axuda solidaria do municipalismo co pobo afgán.
En previsión dun eventual chamamento de acollida e como xesto de solidariedade, o venres pasado a Fegamp lanzara unha circular para recadar a predisposición das entidades locais galegas para prestar axuda na medida das súas posibilidades.
Nestes tres primeiros días 13 concellos e 1 Deputación fixeron chegar o seu ofrecemento sinalando a súa capacidade de aloxamento e características de habitabilidade.
Coa resposta obtida ata este momento xa se podería acoller a máis dun centenar de afgáns e afganas cumprindo as limitacións derivadas das medidas preventivas pola COVID19. As entidades locais puxeron a disposición as solucións ao seu alcance: dende pavillóns ou albergues para unha acollida provisional, ata antigas casas de mestres e outras vivendas. A solidariedade das entidades locais fai que no caso dalgúns concellos que carecen de inmobles de titularidade pública, ofrezan recibir unha familia sufragando os gastos de aloxamento e necesidades que poida precisar, incluído o transporte.
Nun dispositivo de coordinación acordado coa Delegación do Goberno en Galicia, a Fegamp xa deu traslado das primeiras respostas.