A Fegamp traballará coa Amtega para ver como as novas tecnoloxías poden axudar aos concellos na xestión das praias coa COVID-19

Data: 

mércores, 20 Maio, 2020 (Todo o día)

A Fegamp mantivo unha reunión coa Amtega e as consellerías de Cultura e Turismo e Medio Ambiente para coñecer a plataforma “Praias Seguras”, o sistema de internet anunciado o luns pola Xunta a través do cal pedir cita para acudir á praia no contexto da COVID-19.

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, estaba convocado hoxe para ser informado do proxecto. Porén, trala reacción dalgúns concellos, a Xunta informoulle de que finalmente se desestima o sistema de citación e propuxo a participación da Federación Galega de Municipios e Provincias nunha mesa de traballo para ver como as ferramentas tecnolóxicas poden axudar ao cumprimento das medidas de seguridade por mor da COVID-19 nas praias.

Os concellos galegos son responsables da xestión de máis das 700 praias ao longo dos 1.498 km de costa galega. Cunha casuística moi variada –dende pequenas calas, praias urbanas ou grandes areais naturais de kilómetros de lonxitude-, as entidades locais estudan o xeito de implementar as medidas á espera de guías e instrucións que axuden á xestión e cumprimento das mesmas. Así e todo, a Fegamp lembra que neste proceso da COVID-19 a colaboración da poboación foi determinante e apela á responsabilidade e colaboración da cidadanía neste novo reto das praias para que se poida desfrutar da nosa riqueza costeira de forma segura.

A Federación Galega de Municipios e Provincias rexeita a posibilidade de controlar o acceso ás praias mediante o sistema propostos de cita telemática xa que deixaría fóra ás persoas que non manexan as novas tecnoloxías por falta de coñecemento ou de medios. Considera así mesmo que o sucedido co programa da Xunta é unha mostra de que é preciso que os concellos participen na toma de decisións e elaboración de plans estratéxicos, xa que como responsables da posta en práctica das medidas relacionadas coa crise do coronavirus, as entidades locais están a ser determinantes na crise sanitaria e socioeconómica. Nese sentido, a Federación insiste na necesidade de máis coordinación por parte da administración autonómica e do Estado, e a creación de comisións ou mesas de traballo conxuntas como a mesa económica solicitada reiteradamente para avaliar a nova realidade e elaborar os plans para enfrontala.