A Fegamp reclama unha solución para cubrir as vacantes de Tesoureiros municipais ante unha posible parálise

Data: 

luns, 6 Febreiro, 2017 (Todo o día)

A Comisión Executiva da Fegamp acordou por unanimidade demandar con urxencia unha solución ante a incapacidade que teñen moitos concellos galegos de cubrir os postos de Tesourería /Intervención/ Secretaría, que afecta gravemente aos municipios pequenos e medianos. O problema vén causado, en primeiro lugar, polo feito de que estes funcionarios deben ser habilitados nacionais e as convocatorias non son suficientes para cubrir as vacantes actuais de Galicia.

A Fegamp alerta de que a situación se fixo aínda máis crítica para os 200 concellos galegos de menos de 5.001 habitantes, que ata agora podían ocupar eses postos con traballadores doutras categorías. A recente entrada en vigor do Artigo 3 do Real Decreto-Lei 10/2015 do 11 de setembro imponlles a obrigatoriedade da habilitación nacional. A única excepción que contempla é que o concello conte xa cun funcionario do grupo A1 e, voluntariamente, este se preste a desenvolver o labor.

Ademais da falta de candidatos para cubrir as prazas, a Fegamp alerta do importante esforzo económico que isto supoñerá para as entidades locais de menor tamaño, contradicindo a Lei de Racionalización e Sostibilidade e o principio de Estabilidade Orzamentaria.

Para evitar a posible parálise da actividade local, a Fegamp propón como solución  aprazar a obrigatoriedade nos concellos de menos de 5.001 habitantes, ata que haxa convocatorias públicas suficientes ou se modifique a Lei de Bases. A petición tamén se estende para os concellos de menos de 20.000 no caso de que, efectivamente, se reforme a Lei.  A Fegamp vai comunicar esta problemática ao presidente da Xunta, o presidente da Femp, o ministro de Facenda, os grupos parlamentarios galegos e os grupos do Congreso dos Deputados, solicitando a implicación de todos eles na busca dunha saída factible para o municipalismo.

galer_a_fotos