A FEGAMP recibe a Alfonso Gómez, o alcalde galego de Xenebra

Data: 

martes, 24 Outubro, 2023 (Todo o día)

O encontro mantido na FEGAMP supón o primeiro acto institucional en Galicia do alcalde de Xenebra

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, recibiu esta mañá a Alfonso Gómez (Corme / Ponteceso, 1960), alcalde de Xenebra (Suíza), acompañado por Secundino García, vicepresidente segundo da FEGAMP e alcalde de San Sadurniño.

O encontro mantido na FEGAMP supón o primeiro acto institucional en Galicia do alcalde de Xenebra, e comezou coa súa sinatura no Libro de Honra da FEGAMP. De seguido, os tres responsables municipais mantiveron un cordialísimo encontro que serviu para coñecer como foi o proceso que rematou coa elección de Alfonso Gómez como alcalde de Xenebra, ademais de abordar a situación política e  administrativa de Suíza.

Tamén se abordaron no encontro os principais problemas e retos que afrontan os concellos galegos, nun período marcado polas consecuencias da pandemia do covid e a suba de prezos, e pola falta de financiamento axeitado para que os concellos poidan cumprir cos servizos que teñen que prestar.  

Se coincidiu na necesidade de avanzar na aplicación de políticas locais de desenvolvemento sostible, apostando pola proximidade tanto na atención pública como na actividade económica, que fagan dos concellos ámbitos saudables para vivir e para traballar.

Esta visita celebrouse despois da felicitación que dende a FEGAMP achegouse a Alfonso Gómez coincidindo coa súa toma de posesión como alcalde en xuño pasado, xunto co convite para visitar a FEGAMP e manter un encontro, e para asistir á XI Asemblea da FEGAMP que vai celebrarse o 15 de novembro de 2023.

galer_a_fotos