A FEGAMP participa no proxecto europeo CEL RURAL para a promoción de comunidades enerxéticas locais de enerxías renovables en contornas rurais

Data: 

venres, 19 Xaneiro, 2024 (Todo o día)

O lanzamento do proxecto CEL RURAL realizouse estes días nun evento celebrado en Faro (Portugal).

A FEGAMP reforza o seu compromiso coa promoción das comunidades enerxéticas locais, iniciado co proxecto europeo EC4RURAL, liderado pola Universidade de Vigo e no que están a participar unha vintena de concellos galegos.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) participa no proxecto CEL Rural, de fomento da implantación de comunidades enerxéticas locais en contorna rural co obxectivo de adopción de modelos innovadores de autoconsumo enerxético na contorna rural do territorio transfronteirizo de España-Portugal.

O proxecto CEL Rural iniciou a súa actividade nunha reunión de lanzamento mantida en Faro (Portugal) na que os socios do mesmo expuxeron as accións a desenvolver nos próximos meses para conseguir incrementar e estender a implantación de comunidades enerxéticas locais en contornas rurais. Nesta reunión participou unha delegación do área de proxectos europeos da FEGAMP.

Para a FEGAMP o proxecto Interreg POCTEP - CEL RURAL é “unha oportunidade para achegar investimentos ao concellos rurais que contribúan de xeito efectivo á consolidación da figura das comunidades enerxéticas como ferramentas de cohesión territorial e de dinamización socioeconómica”. Ademais, sinala que “os pilotos que se desenvolverán a través deste proxecto serán demostradores tecnolóxicos replicables noutros territorios que facilitarán a toma de decisións no desenvolvemento técnico das comunidades enerxéticas”.

Deste xeito, a FEGAMP da o paso á fronte na promoción das comunidades enerxéticas nos concellos rurais galegos a través dos proxectos  Interreg Poctep - CEL RURAL e  LIFE - EC4RURAL, entre os que se agardan xurdan importantes sinerxías que contribúan a incrementar os resultados agardados en cada un deles, dando resposta así á demanda do concellos de contribuír ao impulso destas figuras de empoderamento enerxético da cidadanía nos seus territorios.

O proxecto CEL Rural é un proxecto de Cooperación España - Portugal cofinanciado polo programa europeo POCTEP e liderado pola Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), no que participan socios de ambos os países co obxectivo de fomentar a implantación de enerxías renovables a nivel rural para reforzar o desenvolvemento dun sistema enerxético sustentable e de proximidade en rexións transfronteirizas do espazo POCTEP, mediante a adopción de modelos innovadores de autoconsumo enerxético compartido no ámbito das comunidades enerxéticas locais en contornas rurais. Para alcanzar este obxectivo, se desenvolverán actuacións piloto, demostradores a escala, e tecnoloxía para este tipo de sistemas disruptivos para o ámbito rural cuxas vantaxes son múltiples a nivel de sustentabilidade, cohesión social e beneficios económicos.

As actividades principais xustifican o perfil dos socios participantes, con aspectos técnicos que permitirán desenvolver modelos de comunidades enerxéticas locais, software para o deseño de CEL rurais e informes sobre tecnoloxías aplicables para a instalación en CEL, tales como xeración que inclúa distintas fontes de enerxía, sistemas de almacenamento, sistemas de control e de monitorización e xestión de plantas. Para iso, os socios tecnolóxicos ITG, Universidade do Algarve, Universidade de Sevilla e o INTA achegarán a súa experiencia no desenvolvemento tecnolóxico deste tipo de instalacións.

Doutra banda, os socios representantes de territorios como CIM Cábado, AREAL, a Deputación de Ávila e a FEGAMP, serán os responsables de desenvolver e implantar unha comunidade enerxética local na contorna rural do seu ámbito, así como do desenvolvemento de accións de promoción das CEL rurais, de formación a profesionais e de promoción das mesmas na contorna rural onde desenvolven a súa actividade.

O proxecto conta cun orzamento total de 1.533.000 euros e finalizará a súa actividade en xuño de 2026, recibindo unha cofinanciación do 75% por parte do Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza España - Portugal, POCTEP, do que a FEGAMP xestiona 199.886,23 euros.