A FEGAMP participa na III Xornada "A saúde en todas as políticas. Tecendo redes saudables no ámbito comunitario"

Data: 

martes, 24 Outubro, 2023 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, incidiron este martes na importancia de promover estilos de vida saudables na poboación galega e establecer un nexo de unión entre todos os actores implicados no ámbito local. Foi na inauguración da III Xornada 'A saúde en todas as políticas. Tecendo redes saúdables no ámbito comunitario', celebrada en Santiago, donde se fixo fincapé en fomentar a inclusión da saúde en todas as políticas mediante un modelo de traballo conxunto basado en redes.

Na súa intervención, Alberto Varela destacou "esta oportunidade de poñer en valor as políticas e accións que dende a esfera municipal se están a implementar no ámbito da saúde, de crear sinerxías, de cooperar, de intercambiar opinión e experiencias, de avanzar cara unha percepción global dos problemas sanitarios e de xestión aos que se enfrontan os distintos actores involucrados, e en particular os concellos".

Tamén salientou "o traballo conxunto e coordinado, intersectorial, mellora sen dúbida o impacto na saúde, o benestar e a calidade de vida das persoas. E neste sentido o ámbito municipal adquire gran importancia, por ser a administración mais próxima á poboación e porque desenvolvemos competencias que inciden na vida directa das persoas: urbanismo, deporte, seguridade, cultura, ...".

Nesa liña presentou as iniciativas municipais que foron presentadas na xornada: 

  • O concello de Camariñase a súa Rede de concellos DAFIS dentro do Plan Galicia Saudable para a valoración da condición física.
  • O Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e a súa iniciativa Cociña de Ancares, Terras de Burón.
  • A Mancomunidade Terra de Celanova, fe a súa unidade de promoción da saúde.
  • O concello de Nigrán, e os seus comedores escolares con consumo produto local de proximidade.

O presidente da FEGAMP rematou facendo mención aos Camiños Escolares de Vilagarcía de Arousa, concello do que é alcalde  que recentemente recibiron un novo recoñecemento por parte da Rede de Cidades Saudables promovidas pola FEMP. Este proxecto foi considerado o mellor dos presentados entre as poboacións de 20.000 habitantes.