FEGAMP e XUNTA manterán comunicación continua para coordinar cos concellos a loita ao COVID-19

Data: 

xoves, 12 Marzo, 2020 (Todo o día)

O presidente da FEGAMP, Alberto Varela reuniuse esta tarde co vicepresidente e conselleiro de Administracións Públicas, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña, para abordar as actuacións das administración locais galegas fronte ao coronavirus.

O obxectivo deste encontro era trasladar as dúbidas que están a xurdir nos concellos e que estes días fixeron chegar á Federación Galega de Municipios e Provincias, como que facer con bibliotecas, piscinas e outros servizos municipais ou sobre a organización de feiras e outros eventos. “Unha reunión moi importante” - sinalou Alberto Varela- “porque así como para as autoridades sanitarias estes días foron unha loucura, para os concellos tamén, e foron moitas as chamadas de veciños alcaldes e alcaldesas que preguntaban cales son as medidas a adoptar dende a administración local”.

Alfonso Rueda e Jesús Vázquez Almuiña informaron ao presidente e aos voceiros da FEGAMP da situación do virus na nosa comunidade e das medidas decididas hoxe na Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19 e no Consello da Xunta. O vicepresidente e conselleiro de Administracións Públicas indicou que moitas delas afectan aos concellos: “moitas das medidas adoptadas inciden directamente nas persoas e os concellos como administración máis próxima á cidadanía teñen que, en moitos casos, implementalas, polo que é preciso facilitarlles información de primeira man e resolverlles as dúbidas que lles xurdan”

Esta primeira tanda de indicacións publicarase mañá no DOG. Medidas que se revisarán conforme evolucionen os feitos. FEGAMP e Xunta traballarán para coordinar a resposta ao virus coas administracións locais en todo momento.

A FEGAMP reforzará a comunicación cos concellos recollendo novas dúbidas que poidan xurdir e facendo de canle coas autoridades sanitarias.

Descargas: