A FEGAMP e os GDR de Galicia reforzan a súa colaboración na promoción das comunidades enerxéticas no rural

Data: 

martes, 6 Febreiro, 2024 (Todo o día)

Na xornada de traballo sobre o proxecto europeo EC4RURAL promovida pola FEGAMP participaron vinte dos vinte e catro GDR de Galicia

Coincidindo coa xornada, os presidentes da FEGAMP e da Asociación dos GDR de Galicia mantiveron un encontro para perfilar a colaboración cara a futuros proxectos en común

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024.- A sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) acolleu hoxe a xornada “EC4RURAL en conexión co territorio: sinerxías cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR)” co obxectivo de fomentar e promover a implicación das zonas rurais na transición cara a unha enerxía limpa a través das comunidades enerxéticas.

Deste xeito, a xornada serviu para achegar aos vinte GDR que participaron (dos vinte e catro que están creados en Galicia) información en maior detalle sobre os obxectivos do proxecto EC4RURAL; tamén serviu para afondar sobre o plan de traballo en marcha na promoción das comunidades enerxéticas no rural dende o coñecemento das iniciativas e boas prácticas que xa se están desenvolvendo. En definitiva, esta xornada se orientou, e con éxito, na xeración de sinerxías entre os GDR e os traballos do proxecto EC4RURAL.

Comezaron os traballos da xornada coas intervencións do presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e do presidente da Asociación dos GDR de Galicia e alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso. En substitución da directora do AGADER asistiu Jorge Blanco, subdirector de Promoción Internacional e Rural Intelixente da Xunta de Galicia.

Na súa intervención, Alberto Varela destacou o compromiso da FEGAMP na liña de traballo de promoción local das comunidades enerxéticas dende a súa participación no proxecto europeo EC4RURAL, liderado pola Universidade de Vigo, que mobilizará en Galicia uns 700.000 € e que conta coa participación de vinte e dous concellos galegos.

Tamén sinalou a participación da FEGAMP no proxecto CEL_RURAL, liderado polo Instituto Tecnolóxico de Galicia, que mobilizara en Galicia uns 600.000 €, e ten por obxecto o desenvolvemento de actuación piloto para o fomento de comunidades enerxéticas en ámbitos rurais do espazo “Poctep”.

Para o presidente da FEGAMP, a implantación das comunidades enerxéticas en Galicia conta de xeito destacado coa “contribución dos concellos galegos facilitando este camiño de empoderamento local e social, a promover un sistema enerxético descentralizado, democrático e sostible”. “E nese camiño estamos a traballar estreitamente cos GDR, sendo o seu coñecemento do territorio e das dinámicas económicas e sociais dos seus ámbitos claves na consecución dos resultados previstos”.

Despois das súas intervencións, ambos presidentes mantiveron un encontro no que abordaron o traballo en común desenvolto, avaliándoo como moi importante para ambas organizacións, polo que acordaron dar os pasos necesarios para formalizar a colaboración en futuras iniciativas.

A xornada tamén contou coa intervención de Xavier Simón,  coordinador do proxecto EC4RURAL, que presentou os principais obxectivos do proxecto, que estivo acompañado coas intervencións de Carmen Castells, de Sapiens Energía, e de Lucia Mendoza, de EspazoCoop, que abordaron como os GDR poden implicarse no enfoque metodolóxico e no plan de traballo do EC4RURAL.

Porteriormemente a xornada rematou coa mesa de experiencias na que interviñeron Eva González, xerente do GDR Limia Arnoia, e Paco González, xerente da Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta, que falaron sobre as propostas de enerxía comunitaria a desenvolver nos seus respectivos ámbitos. Rematou Noel Viñas, director xeral de UDESA, presentando o labor desta distribuidora eléctrica que xa presta servizo en dezasete concellos rurais da provincia da Coruña.

Xornada FEGAMP e GDR sobre proxecto EC4RURAL