A FEGAMP dá comezo ao proceso interno que culminará coa celebración da súa XI Asemblea Xeral o vindeiro 15 de novembro de 2023

Data: 

venres, 6 Outubro, 2023 (Todo o día)

313 concellos e 4 deputacións provinciais van poder participar  no debate dos relatorios e na elección dos órganos de dirección da FEGAMP

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023.- A Federación galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) enviou hoxe a convocatoria formal da súa XI Asemblea Xeral Ordinaria que se vai celebrar o vindeiro 15 de novembro de 2023  no “Palacio de Congresos” de Santiago de Compostela.

A convocatoria está dirixida aos 313 concellos e as 4 deputacións provinciais que compoñen a FEGAMP que van ter de prazo ata o 7 de novembro de 2023 para formalizar a súa inscrición para participar na XI Asemblea.

A partires de agora e ata o 27 de outubro de 2023 as entidades que forman parte da FEGAMP van poder achegar emendas aos tres relatorios que se presentan para o debate.

Nesta XI Asemblea preséntase un relatorio sobre “Financiamento Local”, con 21 propostas de resolucións; outro relatorio sobre “Autonomía e Competencias Locais: presente e futuro”, con 12 propostas de resolucións; e un último relatorio sobre “Desenvolvemento Estratéxico dos Concellos” con 31 propostas de resolucións.

Durante a Asemblea desenvolverase en comisión o debate sobre cada relatorio e as emendas recibidas, para a posterior aprobación final dos traballos de cada comisión no Plenario da Asemblea.

Tamén na Asemblea se vai traballar na avaliación da Memoria da Xestión do mandato que se pecha, e se procederá á elección dos órganos de goberno da FEGAMP para o seguinte período de catro anos. Para tal fin poderán presentarse candidaturas á Comisión Executiva, que está composta pola presidencia, 3 vicepresidencias e 13 vocais, e ao Consello Federal, que está composto por 55 membros.

A nova presidencia da FEGAMP para o vindeiro período de catro anos que comezará o 15 de novembro de 2023 recaerá en quen encabece a candidatura á Comisión Executiva que reciba máis votos.

Toda a información sobre XI Asemblea da FEGAMP está accesible na súa web.