A Fegamp constitúe o grupo de traballo para a futura delimitación de competencias entre concellos e Xunta de Galicia

Data: 

mércores, 3 Marzo, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias vén de acoller a primeira reunión do Grupo de Traballo de Delimitación Competencial que analizará o actual reparto de funcións e custos entre as administracións locais e autonómica.

O desaxuste entre as competencias atribuídas e as funcións impropias asumidas -cos sobrecustos que iso leva consigo- é unha reivindicación histórica do municipalismo. O Pacto Local asinado en 2006 trazou un primeiro paso no establecemento dun orde competencial e orzamentario entre a Xunta de Galicia e as entidades locais, se ben a súa execución leva un gran retraso.

A sobrecarga da pandemia sobre os concellos fai indispensable o cumprimento, canda menos, de obxectivos prioritarios de dito pacto coma no eido da educación, no que a Xunta comprometérase a asumir os custos de mantemento dos centros e que, con todas as medidas requiridas polo coronavirus e sen recibir fondos extraordinarios, os concellos non poden seguir a asumir.

Na primeira reunión da nova lexislatura entre o presidente da Fegamp, Alberto Varela Paz, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Xunta admitiu a necesidade de “auditar” o reparto de cargas e de avanzar no cumprimento do Pacto Local. Nesa liña e tras a recente reunión da Comisión Galega de Cooperación local, a Fegamp conformou, con recoñecidos académicos e profesionais expertos na materia, o grupo de traballo que estudará e proporá unha delimitación competencial de xeito que a coordinación das administracións se actualice e adapte aos novos tempos, necesidades e ferramentas dispoñibles.

Tras o primeiro encontro, o grupo coincidiu na necesidade dunha ampla e profunda reforma tanto das competencias como do sistema de financiamento da administración local, se ben dada dimensión e a urxencia, nunha primeira fase promoverase a reforma en eidos prioritarios.