A FEGAMP considera que os concellos galegos foron os grandes ausentes do discurso do presidente da Xunta de Galicia no seu discurso no Debate de Política Xeral

Data: 

luns, 9 Outubro, 2023 (Todo o día)
  • O presidente Rueda eludiu, por omisión, calquera mellora no financiamento dos concellos despois de máis de dez anos de “conxelación” do Fondo de Cooperación Local
  • O servizo de Axuda no Fogar (SAF) precisa con urxencia do compromiso real da Xunta no seu financiamento, que prefire obrigar aos concellos a ter que facerse cargo a costa dos seus exiguos recursos, e anunciar axudas para que sexan as familias as que se fagan cargo das persoas dependentes

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023.- Despois de escoitar o discurso de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia no Debate de Política Xeral no Parlamento de Galicia,  a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) lamenta a oportunidade perdida de ter incorporado no mesmo anuncios de compromisos que resolvan os principais requirimentos achegados polos concellos galegos neste período.

Desgraciadamente, os concellos galegos foron os grandes ausentes do discurso do presidente da Xunta, quen só se referiu indirectamente aos concellos cando anunciou que se garantirá  apoio do Goberno galego no caso de que os permisos de competencia municipal se demoren sen motivo, chegando a propia Xunta a emitir a licencia de obras para que eses proxectos funcionen". Os concellos galegos cumpren dabondo coas súas obrigas administrativas e o que esperan da Xunta de Galicia é colaboración, e non que se cuestione o seu labor.

A FEGAMP lembra que quen non cumpre cos concellos galegos e o seu financiamento é o goberno da Xunta de Galicia, que leva máis de dez anos sen incrementar o Fondo de Cooperación Local, a pesares das dificultades nas que se atopan os concellos para atender os servizos propios e tamén da Xunta dende os seus propios recursos. Xa vai sendo tempo de corrixir esta situación anómala e inxusta.

Cando o presidente da Xunta de Galicia anunciou hoxe un bono de 5.000 euros anuais para persoas con dependencia grande o severa que son coidadas nos seus domicilios por familiares, pareceu preferir que os concellos galegos sigan “afogándose” para poder cubrir os custos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que sigue sen recibir o financiamento necesario dende a Xunta de Galicia, como ben coñecen  pola FEGAMP e polos concellos galegos.

Ademais, estase a bonificar volver o pasado, cando as familias tiñan que facerse cargo da atención ás persoas dependentes, no lugar de reforzar un servizo profesional e de calidade para a atención a esas persoas que ben a merecen.