A FEGAMP colabora na posta en marcha da Rede de Concellos polo Benestar da Coruña

Data: 

mércores, 4 Abril, 2018 - 11:00
Alfredo García, Manuel Mirás e Anxela Franco ao fin da reunión na sede da Fegamp

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2018.-  O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, xunto co vicepresidente da entidade, Manuel Mirás, mantiveron unha reunión coa responsable da área de Igualdade, Educación e Servizos Sociais da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, co fin de presentar o proxecto de Rede de Concellos polo Benestar e estudar colaboracións para a elaboración do Plan de Acción de Servizos Sociais.

 

A deputada presentou na Fegamp os eixos centrais do Plan de Acción de Servizos Sociais "Rede de Concellos para o Benestar", que desenvolve a cooperativa galega Nova Works Consulting, e explicou que se trata dunha análise na que está a traballar co ánimo de coñecer a realidade social dos concellos da Coruña e así poder elaborar no futuro políticas eficientes que optimicen a xestión dos recursos.

 

Pola súa banda o presidente da Fegamp asegurou tras a reunión que e Fegamp se comprometía a trasladar a información presentada pola Deputación a todos os concellos de A Coruña para motivalos en que colaborasen no proxecto e así poder avaliar a realidade actual dos servizos sociais nos concellos da provincia.

 

Alfredo García amosou tamén a súa intención de estender este estudo ao resto de Galicia: “ademais intentaremos trasladar esta iniciativa á reunión da Axenda Social para facer extensiva esta proposta a todos os concellos galegos e así contar cunha visión ampla do estado dos servizos sociais municipais en Galicia de forma que se poidan emendar posibles erros e establecer lazos de colaboración”

 

O Plan de Acción "Rede de Concellos para o Benestar", ten como obxectivos coñecer a realidade das entidades sociais a nivel local e comarcal, identificar as súas necesidades e as da cidadanía, definir liñas de actuación e cooperación entre entidades públicas e privadas, e avaliar as propostas que acheguen os diferentes actores do tecido social da provincia.