A Fegamp asina unha nova Axenda Social coa Xunta de Galicia e o Terceiro Sector

Data: 

luns, 27 Decembro, 2021 (Todo o día)

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, asina coa conselleira de Política Social, Fabiola García, a renovación da Axenda Social Única 2021-2024. Por parte do Terceiro Sector, o documento está subscrito polas presidentas de EAPN-Galicia, Eloína Ingerto, e Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, o representante de Cáritas Galicia, José A. Mouriño e presidente de ONCE Galicia, Carlos Fernández.

A nova Axenda  articula 93 medidas en tres bloques: acceso a servizos de desenvolvemento vital, factores de vulnerabilidade e mellora a planificación, xestión e coordinación. Porén, unha importante característica é que o documento é aberto e flexible, o que permite adaptalo ás circunstancias porque, como sinala o presidente da Fegamp, “a sinatura de hoxe prodúcese nun contexto máis complexo e hoxe son máis os que precisan destes servizos e son necesarias tamén novas medidas”.

Outro dos puntos destacados por Alberto Varela no acto de sinatura é o compromiso de elaborar un estudo de necesidades dos servizos sociais de Galicia que, á marxe do coñecemento de primeira man que teñen os Concellos, “permita  dimensionar e ter unha radiografía xeral para mellorar a planificación e gañar en eficiencia”.

A Fegamp cumpre deste xeito cun dos encargos principais da Asemblea Xeral, proba da prioridade que o municipalismo da ás políticas sociais. De feito, nos últimos 5 anos o investimento das Administracións Locais incrementara un 70%. O documento aprobado por unanimidade pola Executiva da Federación contempla aumentar o orzamento para o Plan Concertado e actualizar os módulos económicos dos servizos sociais comunitarios para aliviar o aumento de demanda nos Concellos, especialmente dende a chegada da COVID-19 .

A nova Axenda reponde ao modelo defendido por Concellos e Deputacións especialmente en materia social: unha xestión interadministrativa coordinada que desenvolva unha planificación de servizos integrada e trans­versal para ofrecer á cidadanía a máxima eficacia e eficiencia.