AXUDAS PARA PROXECTOS AO ABEIRO DAS EDLP, APROBADAS PARA OS GALP PARA O DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE DAS ZONAS DE PESCA NO MARCO DO FONDO EUROPEO MARÍTIMO E DE PESCA 2014-2020. 1º PRAZO: 01-03-2019

Data: 

xoves, 31 Xaneiro, 2019 (Todo o día) a venres, 1 Marzo, 2019 (Todo o día)

 

Consellería do Mar

Orde do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas para os grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2019. BDNS (Identif.): 436890.

Finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (en diante, EDLP), aprobados pola Consellería do Mar para os grupos de acción local do sector pesqueiro (en diante, GALP).

2. Así mesmo, convócanse as axudas correspondentes ao exercicio orzamentario do ano 2019 en réxime de concorrencia competitiva. O procedemento que regula a presente orde correspóndese co código PE155A da Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia.

Beneficiarias

A. Proxectos de investimento produtivo.

Poderán ser beneficiarias dos proxectos de investimento produtivo as persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar empadroada ou ter o seu domicilio social e fiscal nalgún concello do ámbito territorial do GALP correspondente.

b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.

c) Cando a beneficiaria sexa unha sociedade de capital, o proxecto deberá adecuarse ao obxecto social que se recolla nos seus estatutos.

d) No caso de municipios densamente poboados en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), poderán ser beneficiarias:

1º. As persoas xurídicas do sector pesqueiro con domicilio social e fiscal no municipio e en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.

No caso de que a persoa xurídica desenvolva actividades noutros sectores, deberá acreditar no momento da solicitude que a maior parte da súa facturación provén do sector pesqueiro.

2º. As persoas físicas integrantes do sector pesqueiro e os seus familiares. Enténdense por familiares do sector pesqueiro aquelas persoas en cuxa unidade familiar figure algunha persoa física, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, viva ou falecida no ano inmediato anterior á data da solicitude, que sexa ou fose un pescador/a, mariscador/a, acuicultor/a ou persoa traballadora en activo relacionada coa actividade pesqueira ou que traballase nese sector de forma manifesta.

3º. As entidades públicas locais cuxos proxectos están dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

e) Os beneficiarios dos proxectos produtivos limitaranse á categoría de peme, excepto as entidades públicas de carácter local, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

f) Non ser unha empresa en crise segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/ C249/01). De conformidade con estas, considerarase que unha empresa está en crise se concorre, polo menos, unha das seguintes circunstancias:

1º. De se tratar dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

2º. De se tratar dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

3º. Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia, ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise, salvo que cumpran a condición establecida no número 3º do parágrafo anterior.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

B. Proxectos de investimento non produtivo.

1. Poderán ser beneficiarias dos proxectos de investimento non produtivo:

a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.

b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.

c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.

d) Entidades públicas locais.

e) Asociacións declaradas de utilidade pública.

f) Entidades sen ánimo de lucro que teñan, entre os seus obxectivos, algún dos seguintes:

1º. Fomentar as actividades náuticas.

2º. Promocionar os produtos pesqueiros do territorio.

3º. Fomentar o ambiente mariño e costeiro.

4º. Promover o patrimonio cultural marítimo-pesqueiro.

2. Unicamente serán admisibles para a tramitación da axuda aqueles proxectos directamente relacionados coas actividades principais que figuren no obxecto social das asociacións e entidades mencionadas no punto anterior.

3. Nos municipios densamente poboados en que na EDLP non computa a totalidade da poboación, poderán ser beneficiarias as entidades indicadas nas letras a), b), c) e d) do número 1, cuxos proxectos estean dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro e aos seus familiares, ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

4. Ademais, as entidades cumprirán os seguintes requisitos:

a) Teren o seu domicilio social e fiscal no ámbito territorial do GALP correspondente.

b) Desenvolveren o proxecto no mesmo ámbito territorial.

Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axudas poderán ser presentadas ao longo de todo o período do programa operativo 2014-2020 ata o 1 de marzo de 2021.

2. Coas solicitudes presentadas ata o 1 de marzo de cada ano realizarase, para cada GALP, unha primeira fase de adxudicación de axudas.

3. De non esgotarse o crédito orzamentario para a anualidade correspondente, poderá realizarse unha nova fase de adxudicación de axudas, coas solicitudes presentadas ata o 1 de setembro de cada ano, co límite do crédito dispoñible. De non existir crédito orzamentario ou no caso de non resolver as solicitudes correspondentes á primeira fase de adxudicación, a segunda fase non terá lugar e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro ditará resolución neste sentido, que será comunicada aos GALP.

4. A última resolución de concesión realizarase con anterioridade ao 1 de setembro de 2021.

 

Descargas: