Axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora das coleccións das bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal. Prazo: 19-02-2024

Data: 

sábado, 20 Xaneiro, 2024 (Todo o día) a luns, 19 Febreiro, 2024 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades 

Orde do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a entidades locais de Galicia titulares de bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura, integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora das coleccións, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT235A).

BDNS (identif.): 739694.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións dirixidas ás bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal, integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Procedemento CT235A.

2. Nesta orde regúlanse os seguintes dous programas de subvencións:

Programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.

Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas.

3. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2024.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención todas as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas públicas ou axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Ter remitido ao Consello de Contas de Galicia a conta xeral do exercicio 2022, de acordo co establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderá ser beneficiaria destas axudas a agrupación de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. A dita agrupación deberá estar debidamente acreditada e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos na presente orde. Os concellos que se presenten en agrupación non poderán presentarse ademais de forma individual.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Importe

Programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.

1. Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.760.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, por un importe de 200.000 euros.

Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas.

2. Este programa de axudas concederase con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, por un importe de 350.000 euros.

3. Estes importes iniciais poden ser ampliados, en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Prazo de presentación de solicitudes

As entidades locais que desexen acollerse ás subvencións reguladas nesta orde deberán presentar a solicitude coa indicación do programa ou programas en que desexan participar, segundo o modelo do anexo I, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS identif.: 739694): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Cultura.

Descargas: