SUBVENCIÓNS PARA REHABILITAR AS ANTIGAS VIVENDAS DE MESTRES, DOUTROS OFICIOS E DEMAIS EDIFICIOS E VIVENDAS DE TITULARIDADE MUNICIPAL. PRAZO: 31-10-2017

Data: 

martes, 18 Xullo, 2017 (Todo o día) a martes, 31 Outubro, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Infraestruturas e Vivenda 

ORDE do 4 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017, con carácter plurianual. BDNS (Identif.):355274.

Obxecto das axudas

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios e as demais edificacións da súa titularidade, co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, á residencia habitual e permanente de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).

Este límite de ingresos poderá ser modificado por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), a cal será publicada no Diario Oficial de Galicia.

O código de procedemento é VI422F.

Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística e correspondente ao día 1 de xaneiro do ano de cada convocatoria.

b) Contar con demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello.

c) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, en que o seu prazo de presentación estivese vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que estean nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguridade, habitabilidade e/ou accesibilidade.

2. As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinación do custo total das obras, os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Requisitos das actuacións

1. Todas as actuacións que se realicen deberán axustarse á normativa técnica e urbanística en vigor e deberán cumprir a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

2. As actuacións subvencionables non poderán estar iniciadas no momento da presentación da solicitude.

3. O prazo de execución das actuacións virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder os 12 meses.

4. O número de vivendas resultantes da actuación de rehabilitación non poderá ser superior ao número de demandantes de vivendas inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia nese concello, na data da presentación da correspondente solicitude de subvención.

Contía da axuda

1. As axudas poderán acadar ata o 90 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 40.000 euros por vivenda rehabilitada ou de 48.000 euros, no caso de vivendas situadas no ámbito histórico ou dos camiños de Santiago.

Para estes efectos, enténdese por ámbito histórico:

1º. Os que conten con declaración de conxunto histórico-artístico ou similar.

2º. As zonas ou contornos de protección delimitados, afectados pola declaración dun ben de interese cultural oficialmente aprobado.

3º. Os inmobles que figuren nun catálogo de protección oficialmente aprobado.

4º. Os conxuntos, zonas ou centros históricos así definidos no planeamento.

Así mesmo, para estes efectos enténdese por ámbito dos camiños de Santiago o comprendido na declaración de área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago realizada o 17 de decembro de 2010 pola Comisión Bilateral de Vivenda Xunta-Ministerio de Fomento.

2. A subvención poderá ter carácter plurianual. As anualidades distribuiranse en función do prazo de execución comunicado polo concello, sen que en ningún caso o importe da derradeira anualidade poida ser inferior ao 20 % do importe total da subvención concedida.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2017 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

 

Descargas: