Saúdos compañeiros/as e veciños/as,
A Federación Galega de Municipios e Provincias leva máis de trinta anos a defender os intereses das administracións locais para acadar melloras na vida dos cidadáns. E hai que continuar; a sociedade avanza, cambia, xorden novas necesidades e novas posibilidades.
Na miña responsabilidade ao fronte desta institución, comparto cos demáis rexedores as principais dificultades que topamos día a día na nosa labor: a falta de financiamento para levar a cabo os proxectos e a sobrecarga de funcións que asumimos nos concellos -sen correspondernos- para que os nosos veciños e veciñas dispoñan duns servizos públicos de calidade.
Para responder ben ás necesidades das persoas necesitamos que se definan mellor as competencias das distintas administracións e que o financiamento sexa realista cos servizos que temos que prestar os concellos galegos.
Creo firmemente que con traballo e unión poderemos acadar estos obxectivos.
Hoxe, a FEGAMP formámola 313 concellos, 4 deputacións e 9 entidades menores, todos a defender o benestar de case dous millóns setecentosmil galegos e galegas. E todos contamos; dende os núcleos máis pequenos ata as cidades insignia da nosa comunidade. Como se ve nos logros conseguidos, a nosa xuntanza é a nosa forza. Por iso dende aquí invito a participar, non só os responsables das administracións senón a todos e cada un dos cidadáns, porque é entre todos que poderemos facer unha sociedade mellor.
Contades co meu compromiso de traballo firme, sen escatimar forzas nin recursos para seguir avanzando.
Dende aquí quero agradecer tamén ó equipo da Federación Galega de Municipios e Provincias a adicación e profesionalidade que poñen a disposición de todos.
Alberto Varela
Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias
Alcalde de Vilagarcía de Arousa