Data:
Instituto Enerxético de Galicia
RESOLUCIÓN do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de redes de distribución de enerxía térmica con equipamentos de xeración con biomasa, para o ano 2016, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020. BDNS (Identif.): 316170.
Obxecto
O obxecto destas bases é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións de equipamentos térmicos que utilicen biomasa como combustible cun esquema de funcionamento baseado nunha xeración térmica centralizada e unha distribución desta enerxía aos puntos de consumo mediante redes.
Beneficiarias
1. Poderán acceder á condición de beneficiarias das presentes subvencións:
a) As entidades locais de Galicia e entidades delas dependentes.
b) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais dela dependentes.
c) As universidades do Sistema universitario galego.
d) As entidades sen ánimo de lucro.
e) Empresas legalmente constituídas.
Poderá existir unha diferenciación entre o titular da instalación solicitada e a titularidade dos centros consumidores de enerxía. Nestes casos, se o solicitante forma parte do sector público deberá xustificarse o desenvolvemento do proxecto con convenios ou acordos asinados cos titulares dos centros consumidores de enerxía, acadando o 50 % do consumo enerxético previsto na súa solicitude. Por outra banda, o solicitante tamén poderá ser unha empresa de servizos enerxéticos que subministre enerxía térmica a distintos consumidores (sector público, empresas, residencial, entidades sen ánimo de lucro,…), sempre que se documente o servizo que se vai realizar, para o cal se terá en conta a documentación que se establece no punto 9.f), e se xustifiquen acordos cos centros consumidores con que se acaden un 50 % do consumo enerxético previsto na solicitude.
Gastos que se subvencionan
1. Serán subvencionables:
a) O custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).
b) Resto de accesorios da instalación de xeración para o correcto funcionamento do sistema.
c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.
d) O custo do sistema de alimentación do combustible.
e) O custo da rede de distribución de enerxía térmica (ata a sala de caldeira existente, se se conecta a ela ou, no caso contrario, ao punto de entrada ao edificio) e, se for o caso, o custo dos sistemas para a conexión coas salas de caldeiras existentes.
f) Obra civil necesaria para a instalación das caldeiras.
g) O custo de montaxe e conexión.
h) O custo do proxecto de execución.
2. Non son subvencionables:
a) O IVE (imposto sobre o valor engadido), agás cando non sexa recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1 da Directiva 2006/112/CE, do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.
En todo caso, aquelas persoas xurídicas que gocen da exención do IVE, ou dun réxime de pro rata, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria ou documentación acreditativa da pro rata do último exercicio.
b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.
c) Os gastos anteriores á presentación da solicitude. Por exixencia do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da presentación da solicitude de axuda, de forma que se algún dos gastos para os cales se solicita axuda foi iniciado con anterioridade, o proxecto na súa totalidade non se considerará subvencionable.
d) As obras de mantemento.
e) As conducións de distribución interior da calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.
f) Os gastos de legalización.
g) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
h) En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa foran obxecto de axuda en anos anteriores.
i) Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o seguinte a aquel en que se publiquen as presentes bases no DOG.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
DOG Nº. 171 | 1.21 MB |
DOG Nº. 171 - EXTRACTO | 451.12 KB |