Data:
Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ORDE do 16 de xullo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2015 para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.
Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2015.
O equipamento para ceder distribúese nas seguintes liñas de axuda:
Liña 1: 18 vehículos todo terreo tipo pickup.
Liña 2. 9 remolques para a atención ás emerxencias.
Beneficiarios
Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:
a) Que o solicitante teña unha agrupación de voluntarios de Protección Civil con voluntarios operativos e asegurados, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, ou que tivesen presentada oficialmente a solicitude de inscrición nel, neste caso queda condicionada a concesión da subvención á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, o último día do prazo de presentación de solicitudes.
b) Ter presentadas as contas ás cales se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2013, no Consello de Contas de Galicia.
c) Que non teñan recibido axudas por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o mesmo equipamento nos últimos catro anos, incluído o ano 2015 de acordo ao establecido no artigo 4.
d) No caso das mancomunidades ou agrupación de concellos os servizos de emerxencia e protección civil deberán prestarse de xeito mancomunado. A presentación de solicitude de forma conxunta e mancomunada é incompatible coas solicitude individual dos concellos que a compoñen.
Crédito
A adquisición do equipamento de emerxencias lévase a cabo mediante subministración por procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada e foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), nun 80 %, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013, eixe 3 tema prioritario.53 Protección de riscos, co cargo á aplicación orzamentaria 05 25 212A 624.0, código de proxecto 2015 00132. Para estes efectos tense tramitado con anterioridade o correspondente expediente de contratación número 2015-SUEI 09-10/EM (núm. de referencia contable 2015/05/786), procedemento aberto e tramitación ordinaria, por importe de 884.730,00 euros (IVE incluído) para a adquisición dos equipamentos sinalados no artigo 1 desta orde.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
DOG Nº. 143 | 807.4 KB |