SUBVENCIÓNS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE FESTIVAIS, FEIRAS, MOSTRAS, CICLOS E CERTAMES DE ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS DE CARÁCTER AFECCIONADO. PRAZO: 03-03-2023

Data: 

sábado, 4 Febreiro, 2023 (Todo o día) a venres, 3 Marzo, 2023 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades 

Orde do 12 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro e entidades locais galegas, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT215A). BDNS (Identif.): 673397.

Obxecto e finalidade

Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2023, de acordo co establecido na presente orde.

Estas axudas contribúen á promoción e cooperación cultural, á difusión e animación sociocultural e, en definitiva, á promoción da cultura en Galicia, por considerar que as artes escénicas e musicais son elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da nosa comunidade autónoma.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria as seguintes entidades:

a) Institucións sen ánimo de lucro.

b) Entidades locais.

As axudas, no ámbito das entidades locais, están dirixidas a concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante xestión compartida, a través da solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; así mesmo, poderán ser beneficiarias as entidades resultantes dunha fusión municipal.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

Importe

As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, seguintes: 10.04.432B.481.2, por un importe inicial máximo de 30.000 €, para os solicitantes dentro do grupo de institucións sen fin de lucro, e 10.04.432B.460.0, por un importe inicial máximo de 20.000 €, para o grupo de solicitantes de entidades locais.

A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 6.000 €, que en ningún caso poderá exceder o 70 % do orzamento total do proxecto que se vaia realizar. Este importe de 6.000 € ascenderá a 7.500 € cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local de acordo co establecido no artigo 3 desta orde.

Actuacións subvencionables

1. Serán obxecto de subvención as actuacións relativas á organización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames musicais, teatrais, de danza e outras artes escénicas que teñan lugar no territorio de Galicia e que dediquen unha especial atención á programación e difusión da música, o teatro e a danza de Galicia. Para os efectos desta convocatoria, non se consideran actuacións subvencionables os eventos de carácter audiovisual e/ou cinematográfico.

2. Os festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais obxecto de subvención deben cumprir cos seguintes requisitos:

– Ter unha duración máxima de seis (6) días, dos cales dous (2) serán consecutivos.

– O orzamento destinado á contratación artística non superará o 50 % do orzamento do proxecto presentado e o importe por actuación non superará en ningún caso os 5.000 €.

– A programación contará, como mínimo, cun 30 % do total das actuacións artísticas a cargo de grupos e/ou compañías galegas.

– O proxecto obxecto de subvención debe ter un carácter libre e gratuíto para o público asistente.

O cumprimento destes requisitos acreditarase mediante unha declaración responsable que se xuntará á solicitude (anexo I).

3. Serán subvencionables os proxectos constituídos polas actuacións sinaladas no artigo 2, que se desenvolvan no período que comprende desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2023.

Prazo de presentación de solicitudes

As entidades solicitantes relacionadas no artigo 3 da orde de convocatoria que desexen acollerse a estas axudas, deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 673397): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

-Na web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: https://www.cultura.gal

Descargas: