Sogama, aberta a negociar cos concellos a mellora do sistema galego de tratamento de residuos

Data: 

mércores, 11 Marzo, 2015 (Todo o día)

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), José Manuel Rey Varela, e os membros da Xunta de Voceiros da Federación, mantiveron esta mañá unha xuntanza co presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e co secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia, Justo de Benito Basanta, para analizar as novas condicións de adhesión voluntaria dos concellos ao sistema de Sogama, aprobadas no pasado mes de decembro. Nese encontro, que tivo lugar na sede da Fegamp, os seus representantes plantexaron a necesidade de manter vías de diálogo permanente entre as dúas administracións sobre o modelo global de organización do tratamento dos residuos sólidos urbanos en Galicia; analizar e valorar as alternativas distintas a Sogama que plantexen os concellos; traballar na liña de mudar os hábitos dos cidadáns na separación do lixo; e tentar extender a todos os concellos o sistema de compostaxe doméstica, que xa opera en 95 municipios. Tanto Domínguez Lino, como De Benito Basanta, mostraron a mellor disposición para manter esa negociación constante cos municipios e colaborar cos proxectos alternativos que poidan xurdir neles. Domínguez comprometeuse a procurar acordos con cada un dos concellos que teñen débedas vencidas con Sogama, co fin de lograr fórmulas de pagamento aprazado para os que atravesan dificultades económicas. O presidente de Sogama lembrou o compromiso que a empresa pública ten co correcto tratamento dos residuos urbanos no futuro, recollido no Plan de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020, e explicou que a súa folla de ruta pasa por construír unha pranta de compostaxe en Cerceda, cuxa execución comezará de inmediato, e ampliar as instalacións para non ter que empregar o actual vertedoiro.