Rey Varela e Núñez Feijóo inauguran as I Xornadas para o Desenvolvemento da Administración Electrónica

Data: 

luns, 16 Marzo, 2015 (Todo o día)

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, José Manuel Rey Varela, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, inauguraron esta mañá, no edificio Cinc da Cidade da Cultura de Galicia, no compostelán Monte Gaiás, as I Xornadas de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración Electrónica, organizadas pola Fegamp e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Rey Varela destacou os importantes pasos xa dados para a implantación dunha administración municipal máis moderna, axil e cercana para os cidadáns e avanzou que a Fegamp está traballando en dúas iniciativas que serán moi importantes para os concellos nese camiño: unha Ordenanza de Administración Electrónica e unha Ordenanza de Transparencia. O presidente da Fegamp agradeceu ademais o labor conxunto de todas as administracións, encabezado pola Amtega, que permitirá o desenvolvemento uniforme da administración electrónica en todos os concellos da comunidade.

O presidente da Xunta asegurou na súa intervención que a implantación do Plan de Administración e Goberno Dixitais-Horizonte 2020 significará a dixitalización de todos os servizos da Xunta e 'fará posible unha Administración sen duplicidades, transparente, aberta e flexible, que aforre as trabas burocráticas aos cidadáns'. Núñez Feijóo agarda que no ano 2020, o 100% dos trámites administrativos xa poidan ser realizados en Galicia por vía telemática. O Plan, dixo Feijóo, prestará soporte loxístico a dous 'importantes' iniciativas a prol da democracia: a Lei de Garantía de Calidade dos Servizos Públicos e a Lei de Transparencia. O presidente da Xunta apostou por mellorar o sistema de Rexistro Único, para que os cidadáns poidan iniciar todos os procedementos administrativos desde internet. 'Queremos que os galegos leven a Administración no seu teléfono móvil a través da chave 365', engadíu.

Feijóo apuntou ademais que, cando o Plan estea consolidado, o aforro para as arcas públicas pode supoñer 3 millóns de euros anuais. O presidente destacou a evolución que se producíu no eido das Tic desde que goberna: 'no ano 2009 só dous concellos galegos tiñan un 98% de cobertura de internet e agora todos os concellos contan con ela, con varios municipios, por suposto, que teñen o 100%'. Feijóo subraiou que os galegos son os españois que máis interactúan coa Administración autonómica a través da rede: 'a web xunta.es recibe máis de 6 millóns de visitas ao ano'.

Á inauguración das I Xornadas de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración Electrónica asistiron, entroutras autoridades, a directora da Amtega, Mar Pereira, que fixo un percorrido polos logros acadados gracias a colaboración dos tres niveis de Administración e falou dos obxectivos fixados para o futuro inmediato; o valedor do pobo, José Julio Fernández Rodríguez, e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Educación, Jesús Oitavén. Ao encontro asisten numerosos técnicos da Administración autonómica e dos concellos, alcaldes e especialistas de diversas empresas.