Os concellos reclaman á Xunta que asuma a súa responsabilidade respecto ás escolas públicas infantís de 0-3 anos

Data: 

martes, 15 Marzo, 2022 (Todo o día)

 Federación Galega de Municipios e Provincias apoia a gratuidade das escolas infantís para todos os nenos e nenas de 0 a 3 anos e lembra que a Xunta debe asumir todos os custos deste servizo.

Na reunión mantida co director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, recibiuse información sobre o desenvolvemento que a Xunta de Galicia prevé aplicar. Se ben o Goberno autonómico trasladou a intención de subvencionar a parte que corresponde aos proxenitores (tanto de escolas públicas como privadas e independentemente da renda), a súa achega segue sen cubrir os custos deste servizo nas escolas públicas municipais, polo que os concellos terán que seguir a pagar parte desta competencia autonómica e, nalgúns casos, incrementar a aportación local para manter o mesmo servizo, o que para certas arcas municipais podería ser dificilmente asumíbel.

No seo do encontro, no que participou a Xunta de Voceiros da Fegamp ao completo, os representantes das entidades locais trasladaron o malestar co Goberno autonómico por adoptar e anunciar unha medida a costa do esforzo dos concellos sen a participación dos mesmos. A Fegamp insiste en que a Xunta de Galicia debe asumir todos os custos das escolas infantís públicas e garantir un servizo que consideran imprescindible para todos os veciños e veciñas.