Os concellos priorizan a Axenda Social Única e piden celeridade nas axudas

Data: 

venres, 22 Xaneiro, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias ofreceu a súa máxima colaboración para impulsar a renovación da Axenda Social Única e axilizar o máximo posible as medidas de axuda á cidadanía máis vulnerable. Así o trasladou o presidente Alberto Varela á conselleira de Política Social, Fabiola García no primeiro encontro para reactivar a renovación da EIS posposta pola pandemia.

Varela sinalou que a importancia e urxencia deste traballo é inda maior pola crise socioseconómica xerada polo coronavirus, e que é necesario facer un bo diagnóstico da nova realidade da poboación galega  para poder responder de forma axeitada ás súas necesidades. Nun estudio elaborado pola Federación con datos reportados polos concellos, só durante o confinamento os servizos sociais municipais galegos recibiron 17.000 novos usuarios e incrementaron o seu gasto social en 6 millóns de euros ao mes.

A Fegamp suxire continuar na liña de traballo que guiou a EIS 2014-2020 , baseada nas premisas das entidades locais que a propia Estratexia sinala  como “institucións máis próximas á cidadanía e, en consecuencia, en situación de avaliar en mellores condicións o grado e diversidade da demanda da atención social, articular a oferta e optimizar os recursos”.  Dita Estratexia desenvolveu 3 linas de acción principais con 13 medidas, 9 delas coa participación dos concellos, un exemplo da cooperación entre administracións en beneficio da cidadanía.

A Federación urxe a todas á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a sentar e coordinar esforzos e recursos, e ver como complementalos para mellorar as axudas ás persoas que xa sofren precariedade e prestar os apoios para evitar  que outras persoas en vulnerabilidade teñan que recorrer aos servizos sociais.

Preguntado polas axudas á hostalaría, o presidente da Fegamp Alberto Varela subliñou que “non é cuestión de partidos, senón de colaboración entre administracións”, lembrou que moitos concellos levan meses prestando axudas dentro das súas posibilidades sen recibir ningunha transferencia  dos fondos extraordinarios habilitados para a crise da COVID19. Nese sentido Varela engadiu que o municipalismo está preparado para actuar e que confía en que Goberno de Galicia e Goberno do Estado doten de ferramentas e fondos aos concellos antes de que sexa demasiado tarde para miles de empresarios e familias.