Os concellos piden á cidadanía paciencia e colaboración para evitar un retroceso

Data: 

mércores, 13 Maio, 2020 (Todo o día)

 A Federación Galega de Municipios e Provincias pon en valor o traballo, esforzo e importancia dos concellos nestes primeiros días da Fase I do Plan para a Transición cara unha nova normalidade. Dende o derradeiro luns, coa entrada en vigor das medidas de alivio social de dita fase, os galegos e galegas poden, entre outras, facer xuntanzas de 10 persoas, consumir en terrazas de bares e restaurantes, asistir a oficios relixiosos ou velorios e desprazarse por toda a provincia. Estas accións, xunto coas saídas para facer deporte, aumentaron considerablemente nestes días o movemento da poboación, o que fai máis complexo o cumprimento da distancia social de seguridade.

A Fegamp sinala que a maioría dos comportamentos son exemplares, se ben, quere recordar que o incumprimento, por minoritario que sexa, supón un risco para todo o mundo. Neste sentido, como sinalou en declaracións o presidente da Federación, Alberto Varela, é necesaria a colaboración de todos, veciñanza e responsables de establecementos, especialmente terrazas de bares e restaurantes: “eu sempre son partidario do diálogo e de concienciar á xente da necesidade, pero no papel que tocou xogar aos concellos exercemos as funcións sancionadoras que se nos pediron por parte das autoridades sanitarias e neste caso vai ser o mesmo, no momento que non se cumpran vanse ter que aplicar as sancións”.

Cara ao fin de semana, a Fegamp aconsella reforzar os dispositivos de vixilancia se ben considera que a primeira acción debe ser a concienciación e o chamamento á colaboración e á responsabilidade de todos para que non se dean abusos das medidas de  desconfinamento.