Os concellos galegos manifestan o seu firme rexeitamento contra calquera tipo de maltrato sobre as mulleres, os seus fillos e fillas e achegados e achegadas

Data: 

luns, 20 Novembro, 2023 (Todo o día)

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a FEGAMP aposta pola información e a concienciación dos dereitos e ferramentas aplicables en cada caso

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) reafirma o seu compromiso repudiando todas as formas de violencia machista tanto no eido persoal como laboral.

Así consta na declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, aprobada na súa última Xunta de Voceiros e Voceiras celebrada recentemente.

Na declaración, a Federación que representa a todas as entidades locais galegas “manifesta a firme convicción e determinación das Entidades Locais galegas para erradicar calquera tipo de maltrato sobre as mulleres, os seus fillos e fillas e achegados e achegadas, vítimas todas do machismo”.

“Dende o municipalismo facemos un chamamento á responsabilidade común, tanto de institucións como de cidadanía, apostamos pola información e concienciación dos dereitos e ferramentas aplicables para cada situación, facendo o que estea na nosa man tanto no noso espazo como fóra del, para que quen os precise acceda a eles.” salienta a FEGAMP dende a súa declaración.

Para os concellos galegos “a violencia contra as mulleres só pode admitir a repulsa como resposta, tanto por parte dos poderes públicos como da sociedade que no seu conxunto debe avanzar con paso firme polo camiño da igualdade” e sinalan que “non podemos esquecer ás vítimas da violencia de xénero ás que asasinaron de xeito inxusto e ás que están a atravesar situacións dramáticas.”

Dende a FEGAMP reiteran a aplicación do seu Decálogo polo Bo Trato, elaborado conxuntamente co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Pódese acceder á declaración na seguinte ligazón