Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias traslada a mensaxe de orgullo e agradecemento dos alcaldes e alcaldesas dos concellos galegos polas mostras de conmoción e solidariedade dos seus veciños e veciñas ante o sufrimento do pobo ucraíno.
A reacción tanto da Administración local como da cidadanía foi inmediata dende o comezo da agresión bélica. Segundo os primeiros datos recavados pola Fegamp en poucas houras se tiñan ofrecido máis de 600 prazas para unha acollida masiva transitoria, coidados complementarios como escolarización e atención psicosocial entre outros e bens de primeira necesidade.
O desenvolvemento dos feitos en Ucranía está a obligar á comunidade internacional a mudar os modos de axuda humanitaria e neste intre hai indicacións de centrarse en prever aloxamento para refuxiados e reservar os bens materiais, que se entregarán ás persoas acollidas e, na medida en que as condicións sobre o terreo do país invadido o permitan, o seu envío aos ucraínos e ucraínas que nel seguen.
Porén, os concellos están a comunicar á Fegamp que a avalancha de veciños e veciñas que queren axudar dalgún xeito non cesa.
En nome do municipalismo a Fegamp quere recoñecer a xenerosidade e humanidade dos galegos e galegas e informa que para axudar poden respostar aos chamamentos das ONGs e organismos internacionais que se topan sobre o terreo:
- Coordinadora española de ONGD: https://coordinadoraongd.org/2022/03/como-apoyar-a-las-ongd-espanolas-en-ucrania/
- Cruz Vermella: https://www.icrc.org/es/donate/crisis-en-ucrania
- Fondo Humanitario de Nacións Unidas para Ucrania: https://www.unocha.org/ukraine/about-uhf
- Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados: https://eacnur.org/es/crisis-ucrania?UTM_source=abtasty&utm_medium=bubble