Os compromisos da Xunta para a asunción do persoal sanitario das UAD polo SERGAS seguen ser cumprirse ano e medio despois

Data: 

martes, 7 Maio, 2024 (Todo o día)

O presidente da FEGAMP e a alcaldesa de Burela avaliaron hoxe a situación da UAD de Burela e de Galicia, que precisan de que o goberno da Xunta de Galicia se faga cargo do persoal sanitario de xeito urxente para poder manter a calidade do servizo

Burela, 7 de maio de 2024.- A alcaldesa de Burela, Carmela López, recibiu hoxe ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, para manter un encontro no que avaliaron a situación da Unidade de Atención á Drogodependencia (UAD) de Burela e das trece existentes en Galicia.

Este encontro celébrase despois de que recentemente os trece concellos con UAD conviñesen achegar o malestar unánime polo continuo incumprimento da Xunta de Galicia dos seus compromisos adquiridos dende 2022, polos que a Consellería de Sanidade cubriría de forma directa as vacantes de persoal sanitario das UAD que se vaian producindo por motivo de xubilacións, e que finalmente asumiría todo o persoal sanitario das UAD.

Durante a xuntanza, a alcaldesa de Burela sinalou que “dende finais de 2020 e ao longo do tempo que leva a UAD, quedaron varias veces sen profesionais sanitarios, afectando gravemente ao servizo por no poder traballar e na súa calidade”.

Carmela López salientou que “levamos agardando polo cronograma de tarefas comprometido pola Xunta de Galicia, que non remata de facerse efectivo e necesitamos ter resposta a esta situación para non seguir sendo vulnerables no mantemento da UAD”.

Para a alcaldesa “é incomprensible que as UAD non reciban da Xunta o tratamento que requiren para o servizo que prestan, e que a falta de profesionais por xubilacións sigan sen ser cubertas e que dende o SERGAS non se resolva esta situación con urxencia, para poder seguir a atender aos pacientes con trastornos mentais que corren risco de quedar sen atención de quen deberan recibila, que é o SERGAS”.

Nesta liña, o concelleiro da área de Xustiza Social, Mario Pillado, indicou que “a atención sanitaria á drogodependencia trátase de unha competencia impropia que debese ser asumida polo SERGAS, polo tanto é unha situación anómala para os concellos”.

Para Pillado “a UAD debese estar integrada dentro das instalacións do propio SERGAS, evitando así a estigmatización dos seus usuarios e das súas familias neste servizo”. O concelleiro tamén sinalou que “é unha cuestión moi sensible ao ser un asunto de saúde mental que debese estar integrada dentro dos servizos do propios SERGAS, polo que cumpre facer fincapé neste punto.

Pola súa banda o presidente da FEGAMP quixo poñer de manifesto que “Burela é un exemplo de concello que leva reclamando poder prestar un servizo público axeitado”.

Para Alberto Varela “é indubidable que isto é unha competencia que non debese ser asumida polos concellos, e una competencia impropia de ámbito sanitaria, e que a propia Xunta de Galicia o recoñeceu así cando piso un calendario enriba da mesa para que todos os profesionais sanitarios que forman parte das UAD remataran formando parte do SERGAS”.

“O cronograma asumido pola Xunta rematou a primeiros de 2024, e todos eses profesionais tiñan que estar incorporados ao SERGAS, pero a realidade e que a Xunta non está a cumprir o seu cronograma” sinalou Varela xunto con que “o que salientou a alcaldesa de Burela está a suceder noutros concellos, nos que tamén teñen dificultades para cubrir as vacantes, o que poñe en risco a prestación do servizo”.

“Dende os concellos tense claro que non é unha competencia que teña que seguir sendo asumida, e estabamos agardando a constitución do novo goberno da Xunta de Galicia; xa está o novo goberno nomeado, polo que agora teñen que cumprir cos seus propios compromisos definitivamente, asumindo ás UAD dentro do SERGAS” rematou o presidente da FEGAMP.

O encontro concluíu salientando que estes compromisos adquiridos pola Xunta foron froito de máis de vinte e cinco xuntanzas mantidas coa Consellería de Sanidade dende a FEGAMP e os trece concellos que dispoñen de UMAD, e da resolución aprobada no Parlamento de Galicia en marzo de 2021, na que se “insta á Xunta de Galicia a que se acorde coa FEGAMP o mecanismo para iniciar o procedemento de incorporar ao SERGAS os profesionais e servizos sanitarios de saúde mental que prestan os servizos dependentes das administracións locais, para ordenar a atención e que dependa do organismo competente en asistencia sanitaria, que é a administración autonómica”.

Encontro presidente FEGAMP e alcaldesa de Burela sobre UAD