O FOGALEC recibe a nova de que o regulamento de envases se aprobará este ano

Data: 

luns, 13 Xuño, 2022 (Todo o día)

Os concellos galegos reciben a nova de que o Goberno do Estado prevé ter aprobado o regulamento sobre a produción, emprego e tratamento dos envases antes de que acabe o ano. A información foi transmitida pola subdirectora xeral de Residuos do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO), Margarita Ruiz, durante a súa participación no II Foro Galego Local para a Economía Circular organizado pola Fegamp.

A noticia foi moi ben acollida polos representantes dos concellos xa que, como sinalaba na inauguración o vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares, “os plásticos son unha problemática das entidades locais tremenda, supoñendo ata o o 75% do lixo recollido nos nosos areais” e coa conseguinte “ameaza para os nosos ecosistemas naturais”.

Outro asunto abordado con profundidade no FOGALEC foi o cálculo e as vías de implantación da taxa que os concellos estarán obrigados a cobrar á cidadanía para sufragar os custos de recollida, transporte e tratamento de refugallos; onde o establecemento de sistemas de bonificación por baixa xeración de desperdicios acaparou gran atención.

Xunto a nova carga tributaria, o presidente da Fegamp, Alberto Varela salientou que os concellos son “o eixo principal” á hora de acadar os retos da Ley 7/2022, en tanto que xunto ás novidades tributarias, a norma leva unha “obvia carga de traballo loxístico, de xestión, vixilancia e posta en marcha das accións necesarias para garantir o seu cumprimento”. Proba da complexidade do reto que teñen as entidades locais é a “preocupación de Europa polos refugallos municipais, que sendo entre 7 e o 10% do total xerado, recoñece son dos máis difíciles de xestonar debido á súa diversidade, ás composicións múltiples, e ao impacto na poboación e no medio ambiente”.

Varela comprometeu a máxima predisposición do municipalismo pero sinalou que “levar o peso non exime ás outras administracións de colaborar e cumprir dende as súas competencias” en relación ao tratamento axeitado dos residuos e á necesidade de regulamentos e financiamento. Neste último sentido pediu que as axudas para a implantación da normativa teñan continuidade nun “acompañamento económico” para desenvolver un “sector de xeración de riqueza no eido da sostibilidade”.