A FEGAMP valora que a Xunta rectifique sobre a bonificación de SOGAMA e insta a que faga o mesmo cos orzamentos para 2023

Data: 

mércores, 9 Novembro, 2022 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias valora positivamente que a Xunta rectifique e busque algunha solución á retirada da bonificación de Sogama do 10% da que se beneficiaban os veciños e veciñas de máis de 160 concellos.

O anuncio da supresión desta axuda, viña a aumentar o malestar e inquedanza xerado nos alcaldes e alcaldesas tras coñecer que o Goberno autonómico pretende non aumentar o financiamento dos Concellos despois de mantelo máis de dez anos conxelado, a pesar do aumento de competencias transferidas ao eido local e todo isto agravado cos sobre gastos que están a enfrontar os concellos polo incremento de custos derivados da crise económica actual.

A Fegamp agarda coñecer os detalles da nova bonificación, confía en que beneficie a máis concellos que a anterior e pide á Xunta de Galicia que siga esa de rectificar o afogamento financeiro no que ten ao municipalismo e aumente o Fondo de Cooperación Local.

A Federación confirma o interese e vontade das Entidades Locais por cumprir os obxectivos e obrigas marcadas pola Lei 7/2022 de Residuos e suxire ao Goberno galego que dialogue máis coa Administración local e a dote dos medios precisos, xa que neste intre SOGAMA non deixa participar aos concellos na toma de decisións e os trata máis como clientes que como colaboradores necesarios.