A FEGAMP solicita xuntanza co presidente da Xunta de Galicia para retomar con urxencia os procesos pendentes relativos a financiamento local, competencias e servicio da axuda no fogar

Data: 

martes, 16 Abril, 2024 (Todo o día)

Alberto Varela manifestouno así hoxe na Comisión Executiva da FEGAMP, toda vez que tanto o presidente como o goberno da Xunta de Galicia xa está investido e dende os concellos seguen sen ter resoltos estes asuntos

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou hoxe a xuntanza mensual da súa Comisión Executiva composta polos dezasete alcaldes e alcaldesas elixidas na Asemblea celebrada en novembro pasado.

Durante a presentación do seu informe, o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, sinalou que por fin rematou, coa investidura do Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia e do seu goberno, este longo período “en funcións” iniciado coa convocatoria das pasadas eleccións galegas do 18 de febreiro.

Por este motivo, o presidente da FEGAMP vai solicitar unha xuntanza a Alfonso Rueda para retomar os procesos suspendidos, como os traballos da comisión sobre competencias, e resolver de xeito óptimo todo o vencellado co financiamento local, co especial atención á situación do servizo de axuda no fogar (SAF).

Na xuntanza tamén se presentarán as resolucións aprobadas por consenso na Asemblea da FEGAMP do novembro pasado, na que foi reelixido Alberto Varela como presidente, para avanzar na apertura de procesos de traballo en común que dean resposta ás demandas aprobadas polos concellos galegos.

Para o presidente da FEGAMP “esta nova etapa que se inicia agora no goberno da Xunta de Galicia, cos cambios coñecidos nas consellerías, ten que tamén traducirse en cambios en positivo na relación e no traballo en común cos concellos galegos a través da súa Federación”, polo que ”dende a FEGAMP se aposta en explorar todas as vías posibles de colaboración, para a mellora da situación e da xestións dos concellos galegos”.

Comisión Executiva FEGAMP 16 de abril 2024