Data:
O presidente da FEGAMP, Alberto Varela, interveu na VIII xornada de Xestión Deportiva para Pequenos e Medianos Municipios que se está a celebrar na Escola Galega da Administración Pública (EGAP).
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, interveu esta mañá na inauguración da VIII xornada de Xestión Deportiva para Pequenos e Medianos Municipios. Nesta inauguración tamén interviron o presidente de AGAXEDE, Eduardo Blanco, e o xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel.
Na súa intervención o presidente da FEGAMP sinalou que "dende os concellos galegos que compartimos a máxima de que o deporte forma parte da vida das persoas" e que "aínda debería ter máis presencia nas ritunas diarias" tendo en conta o importante que é para a saúde e para a socialización das persoas.
Alberto Varela reclamou abordar a xestión deportiva local dende "a POLÍTICA con maiúsculas" na que as administracións públicas traballen con ese obxectivo e garantindo " o acceso ao deporte sen que os ingresos económicos, as distancias ou os prexuizos o impedisen".
Varela confirmou que en 2022 "os concellos galegos tiveron un gasto en materia deportiva que sumou máis de 128 millóns de euros, o que supón o 4,52% do total do gasto dos concellos nese ano", representando o seu compromiso para facilitar o acceso á cidadanía da práctica deportiva, e apelando á Xunta de Galicia a incrementar os investimentos en instalacións e en profesionais como administración competente da promoción deportiva, en liña cos concellos.
Rematou o presidente da FEGAMP salientando que "o éxito na xestión deportiva local pasa pola preminencia dos obxectivos educativos e sociais nun sector económico consolidado" .
Esta VIII xornada está organizada por AGAXEDE en colaboración coa FEGAMP, ademáis de outros participantes, e nesta edición se abordan asuntos como a aplicación da intelixencia artificial na xestión deportiva.