A FEGAMP participa no III Encontro Galego de Ciberseguridade "CIBER.gal"

Data: 

xoves, 2 Novembro, 2023 (Todo o día)

O III Encontro galego de ciberseguridade 'CIBER.gal' foi inaugurado coa participación de Alberto Varela, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

O primeiro resaltou a relevancia de "información e coñecemento" para os concellos e o segundo destacou a aposta da Xunta pola "madurez dixital" para converter á comunidade nunha "rexión especializada en tecnoloxía".

En concreto, Alberto Varela constatou, desde a FEGAMP, que hoxe en día é "impensable" nos municipios traballar sen computador nin internet. "Mais os avances ás veces presentan aspectos negativos, pois a realidade é que nos toca vivir de xeito cada vez mais cotiá unha sucesión de ataques cibernéticos, tamén nas administracións públicas" sinalou  Alberto Varela que rematou afirmando que "as entidades locais debemos estar alertas e vixilantes ante os retos da era dixital na que nos movemos diariamente, sendo as nosas ferramentas a prevención e a capacidade de reacción".

Este foro reúne desde este xoves a numerosos expertos en ciberseguridade. Organizado polo Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, é o evento de referencia en materia de ciberseguridade en Galicia, que aglutina a expertos na materia e divulgadores profesionais. Ademais, acolle actividades destinadas a toda a sociedade galega, contando na última edición con máis de 40 entidades participantes e máis de 1.700 inscricións.