A FEGAMP organiza unha sesión de traballo para os concellos na que a Xunta de Galicia resolva todas as cuestións do “bono coidado”

Data: 

martes, 23 Xaneiro, 2024 (Todo o día)

O presidente da FEGAMP e a presidenta do Colexio de Traballo Social de Galicia acordaron traballar de xeito coordinado ante a situación de confusión creada co anuncio do “bono coidado” da Xunta de Galicia 

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, mantivo hoxe unha xuntanza por videoconferencia coa presidenta do Colexio de Traballo Social de Galicia, Miriam Rodríguez na que avaliaron a situación creada polo goberno da Xunta de Galicia co seu anuncio do “Bono Coidado no Fogar”.

Na xuntanza fíxose repaso da situación creada dende que Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, fixera o anuncio na súa intervención no Debate de Política Xeral do Parlamento de Galicia en outubro pasado. A difusión deste "bono" intensificouse coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da modificación da regulación do recoñecemento da situación de dependencia o pasado 30 de novembro, xerando moita confusión entre as familias das persoas afectadas e moitas dificultades as traballadoras e traballores sociais no desenvolvemento de seu labor dende os concellos, con saturación de consultas e solicitudes pola confusa información divulgada dende a Xunta de Galicia sobre este “bono”.

Dende a FEGAMP tense coñecemento da situación que están a padecer os concellos por este motivo, coa saturación dos seus servizos sociais na atención de cuestión referidas a este “bono”, e coa única posibilidade de consultar á Xunta de Galicia mediante un correo electrónico e, ás veces por teléfono, recibindo respostas diversas e ambiguas sobre consultas semellantes. Ata hai concellos que xa están solicitando xuntanzas de traballo do seu persoal técnico cos responsables técnicos da Consellería de Política Social para poder resolver as cuestións que se lles plantexa na tramitación de este “bono”.

Polo anterior, na xuntanza acordouse organizar dende a FEGAMP con urxencia unha sesión de traballo dirixida aos concellos, para resolver de xeito directo todas as cuestións xurdidas polo “bono”. Esta sesión de traballo ten que contar coa participación da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, con quen se contactará hoxe para confirmar data e asistencia, e do Colexio de Traballo Social de Galicia. A participación dos concellos estará especialmente orientada para concelleiras e concelleiros de Servizos Sociais e para os seus responsables técnicos.

Dende o Colexio de Traballo Social salientouse que a actual situación dos servizos sociais en Galicia “é de S.O.S”, e que non é sostible sen o orzamento axeitado e, en consecuencia, sen o persoal administrativo e técnico necesario”.

Pola súa banda, o presidente da FEGAMP reafirmou o compromiso dos concellos galegos coa mellora do Servicio da Axuda no Fogar (SAF) tanto na atención ás persoas dependentes como na calidade das condicións de traballo das persoas profesionais que as atenden, polo que se ven reclamando da Xunta de Galicia o financiamento necesario para que non teñan que ser os concellos quen teñan que facerse cargo da maioría do custo do servizo.

Por isto, Alberto Varela sinalou que “non resolven nada este tipo de parches", cando “o axeitado sería incorporar estes cartos na mellora do financiamento do SAF, que repercutiría en positivo tanto na calidade do servizo que reciben as persoas dependentes como nas condicións laborais das persoas que lles atenden”.