A Fegamp impulsa o desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Data: 

mércores, 11 Marzo, 2015 (Todo o día)

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), José Manuel Rey Varela, e a directora do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, María Geraldes, asinaron esta mañá, na sede da Federación, un protocolo de colaboración no ámbito do Gabinete de Información da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (GIE-GNP). O Protocolo servirá, entre outras cousas, para promover e difundir a imaxe dos recursos autóctonos e das potencialidades da Eurorrexión e para incrementar a cooperación transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal, mediante o uso compartido de información de interese para ambas as dúas zonas. A GIE-GNP creou para ilo unha aplicación informática que recollerá información de varias fontes, neste caso, dos municipios galegos, e que contará cunha área de información pública, unha área colaborativa interna (ou intranet) e un espazo repositorio onde se aloxe toda a información da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. María Geraldes lembrou que a creación e uso desa aplicación non terá custo algún para os concellos, ‘algo importante’, engadíu, ‘no contexto actual, no que moitos municipios atravesan dificultades, tamén os portugueses’. A Fegamp disporá un representante da súa institución que se encargará da coordinación técnica da información incluída e divulgada nesa plataforma, que tamén será un foro para o intercambio de experiencias, iniciativas e solucións a problemas comúns.

Poden acceder ao texto íntegro do protocolo na sección 'Documentación', apartado 'Convenios' desta páxina web.