FEGAMP felicita a Alfonso Villares polo seu recente nomeamento como conselleiro do Mar no goberno da Xunta de Galicia

Data: 

mércores, 14 Xuño, 2023 (Todo o día)

O actual alcalde de Cervo tamén era vicepresidente primeiro da FEGAMP dende 2015 e anteriormente foi vicepresidente executivo.

Santiago de Compostela,  14 de xuño de 2023.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) quere achegar os seus parabéns a Alfonso Villares polo seu recente nomeamento como conselleiro do Mar no goberno da Xunta de Galicia.

Pola súa condición de alcalde de Cervo, ata agora, Alfonso Villares viña sendo unha persoa moi importante no traballo da FEGAMP dende á 8ª Asemblea celebrada en 2011, na que foi elixido como vicepresidente executivo, sendo presidente José Manuel Rey Varela, nese momento alcalde de Ferrol.

En 2015, na 9ª Asemblea da FEGAMP, foi elixido vicepresidente primeiro, sendo presidente Alfredo García, que tamén era alcalde do Barco de Valdeorras.

E dende á 10ª Asemblea da FEGAMP, celebrada en 2019, mantiña a mesma responsabilidade, de vicepresidente primeiro, sendo Alberto Varela o actual presidente, como alcalde de Vilagarcía de Arousa.

O presidente da FEGAMP quere agradecer o labor de Alfonso Villares durante todo este tempo e salientar o seu compromiso co municipalismo galego, ademais de desexarlle éxito na súa futura xestión como conselleiro do Mar.