A Fegamp asina un protocolo con Facenda para a achega de caixeiros automáticos a 40 concellos galegos

Data: 

mércores, 30 Outubro, 2019 - 10:00
Alfredo García e Valeriano Martínez, sinatura protocolo servizos financeiros 2019

Santiago de Compostela, 30 de outubro 2019.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, asinou xunto ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, un protocolo de colaboración que achegará un caixeiro automático a 40 concellos galegos que neste momento non dispoñen de acceso a servizos financeiros.

Os concellos que se subscriban ao convenio de forma voluntaria permitirán que os seus habitantes podan efectuar xestións ordinarias como a retirada e ingreso de cartos en metálico, a actualización das libretas bancarias ou o pagamento de recibos sen desprazarse a outros municipios.

A previsión é licitar un contrato –que se sacará a concurso público- que inclúa, en primeiro lugar, a instalación dun caixeiro automático, pero o acordo prevé que a veciñanza poda acceder tamén a servizos de asistencia financeira e de formación en banca electrónica, dos que agora mesmo carecen os 52.000 galegos e galegas que residen nestes municipios.

Neste momento son un total de 40 concellos galegos  os que carecen dunha entidade de crédito. A provincia máis afectada é a de Ourense, onde non teñen servizos financeiros 25 municipios (Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Piñor, Punxín, Baltar, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Trasmiras, Taboadela, Arnoia, Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Melón, A Bola, Pontedeva, Verea, Chandrexa de Queixa, Larouco, Petín, Castrelo do Val, Monterrei e Oímbra). O resto de concellos distribúense entre a provincia da Coruña, con dez municipios (Aranga, Coirós, Paderne, Vilarmaior, Vilasantar, Cabanas, Lousame, Dodro, Santiso e Toques); catro na provincia de Lugo (Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Ribas de Sil e O Páramo); e un municipio na de Pontevedra (Dozón).