A FEGAMP acorda a creación dunha comisión para que se rebaixen os requirimentos dos socorristas

Data: 

venres, 14 Outubro, 2022 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias acorda a creación dunha comisión de traballo que revisará os requirimentos dos profesionais do socorrismo acuático e primeiros auxilios nos espazos naturais e acuáticos de Galicia, co obxectivo de evitar os problemas deste ano para ofrecer este servizo.

As esixencias do decreto aprobado pola Xunta de Galicia en outubro de 2021 provocaron que o verán que vimos de pechar non houbera dispoñibilidade de titulados para cubrir todas as praias e piscinas e que, en moitos casos, non se prolongara o servizo durante o bo tempo que nos acompañou máis aló dos tradicionais meses de vacacións.

A Fegamp alertara deste risco ao comezo da tempada estival tras realizar unha sondaxe a raíz da preocupación trasladada polos concellos. O estudo amosaba que en xullo o 37% das prazas en piscinas municipais, o 45% en praias marítimas e o 57% no caso das fluviais quedaban ao descuberto.

O pasado mes de setembro a Fegamp solicitara á Dirección Xeral de Emerxencias unha reunión xunto con axentes do sector para abordar o problema. Durante o encontro de hoxe houbo máximo consenso respecto á necesidade de crear unha comisión con técnicos da Fegamp, Xunta e representantes do sector e que comece a deseñar unhas condicións máis factibles canto antes. A vindeira reunión será en 10 días.