A federación promoverá a firma de Pactos pola Paisaxe entre os concellos galegos

Data: 

mércores, 25 Abril, 2018 - 11:30
O presidente da Fegamp e a conselleira de Medio Ambiente na firma do protocolo

Santiago de Compostela, 25 de Abril de 2018.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, firmaba esta mañá xunto coa conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, un protocolo de colaboración a través do Instituto de Estudos do Territorio no que a Fegamp promoverá entre os concellos, en materia de protección paisaxística, a firma de pactos individuais pola paisaxe.

Segundo o presidente da Fegamp estamos ante “unha declaración de intencións de futuro no eido urbanístico que funcionará como marco para promover a firma de pactos individuais por parte dos concellos galegos”, asegurando tamén que os concellos son neste sentido teñen un papel de vital importancia para acadar os obxectivos xa que “entre todos temos que ser quen de promover entre os veciños  a importancia de respectar a paisaxe”. García asegurou que se ten mellorado neste eido e, falando desde a súa propia experiencia, comentou que “cada vez é máis habitual que veñan os veciños polo concello a informarse e pedir consello para rematar as edificacións da mellor forma posible”.

Tamén destacou o presidente a boa labor do Instituto de Estudos polo Territorio (IET) asegurando que “o traballo que está facendo vai pola boa senda” referíndose tamén á Guía de Cores e Materiais de Galicia que se ten presentado como manual básico para unificar a paleta de cores e materiais nas construcións da comunidade galega, e que, aínda que non é de obrigado cumprimento, senta as bases do que está ben feito e o que non”.

Tamén recordaba o presidente da Fegamp, outras colaboracións co Instituto de Estudos do Territorio que se están levando a cabo como un acordo para a realización de voos aéreos para cartografar en alta calidade o territorio dos concellos interesados e que “poderán contar con imaxes de alta calidade dos territorios municipais que lles permitan coñecer a fondo a idiosincrasia do mesmo e planificar posibles accións no mesmo”.

Con todo o Alfredo García destacou a motivación dos concellos galegos no eido urbanístico e de protección da paisaxe inclusive nun tema tan complexo coma é o eido urbanístico no que toda axuda é pouca: “porque estamos ante unha cuestión como é a preservación da paisaxe que é responsabilidade de todos e unha boa forma de comezar a facelo traballo ben é incentivar a creación de pactos pola paisaxe que blinden a conservación do mesmo en cada unha das rexións”.