Declaración Institucional da FEGAMP polo Día de Galicia, 25 de Xullo de 2023: Sentir e pensar Galicia dende os seus concellos

Data: 

venres, 21 Xullo, 2023 (Todo o día)

Sentir e pensar Galicia dende os seus concellos

Os concellos galegos conmemoramos este ano o Día de Galicia inmersos no comezo dunha nova etapa de catro anos para os novos gobernos locais que aínda se están constituíndo e para os plenos de cada concello recentemente constituídos (salvo a excepción de Castro Caldelas, que en breve tamén contará cun novo pleno e un novo goberno local). Tamén as deputacións provinciais galegas están a acabar os seus procesos de constitución para retomar toda a actividade que despregan cada mandato en reforzo da acción dos concellos máis pequenos.

Coincidindo con este 25 de Xullo están a comezar catro anos cruciais para as entidades locais galegas, que teñen nos catro anos anteriores o período máis complexo no que a xestión pública se refire. A pandemia da COVID19 púxonos a proba como sociedade e durante todo o tempo no que se padeceron os seus efectos, dende o confinamento até as restricións que paulatinamente se foron resolvendo, os concellos galegos estiveron a atender as necesidades máis urxentes da cidadanía, e non sempre contando coa colaboración necesaria nin co apoio económico das outras administracións. E cando parecía que se retomaba certa normalidade, os efectos sobre a economía mundial da invasión de Ucraína por parte de Rusia, coa suba dos custos da electricidade e de produtos de primeira necesidade para a alimentación e a vida diaria, volven requirir dos concellos galegos dunha atención sobre as situacións máis urxentes e extraordinarias, co obxectivo de que ninguén quede atrás.

Este período puxo de manifesto a necesidade de mellorar a atención das administracións, tanto para os procesos que xurdiron como no labor diario que se desenvolve, xa que ten que executarse en condicións cada vez máis extraordinarias. Asuntos como a violencia machista, a fenda de xénero, a desigualdade, o despoboamento, o envellecemento, a exclusión social, a atención ás persoas dependentes, o desenvolvemento e a articulación territorial teñen que ser atendidos para a súa mellora desde a acción pública máis eficaz que obriga  á mellor coordinación das tres administracións: Concellos, Xunta de Galicia e Goberno de España.

Por iso, estes vindeiros catro anos teñen que empregarse no recoñecemento institucional a todos os niveis da acción dos gobernos locais. Os concellos non son administracións subsidiarias de ningunha outra, e moitas veces vense obrigados a ter que atender as competencias e servizos doutras administracións sen a cobertura necesaria, ou mesmo sen ningunha cobertura económica. A descentralización da administración pública ten que retomarse en termos de definición de competencias e financiamento, e de coordinación entre administracións. En Galicia iso tradúcese no cumprimento do Pacto Local asinado xa en 2006 e non desenvolvido de maneira óptima para os concellos galegos. Nestes catro anos ten que cumprirse e dar paso a un novo Pacto Local acorde cos retos e necesidades de Galicia, da súa xente e das súas concellos.

Neste Día de Galicia é necesario sentir e pensar o país de maneira festiva pero sen perder de vista a obriga que temos de conseguir que Galicia avance na mellora da calidade de vida da súa xente. Para iso, hai que pensar e sentir Galicia desde os seus concellos.