CONCESIÓN DO DISTINTIVO BANDEIRA VERDE DE GALICIA. PRAZO: 30-06-2021

Data: 

venres, 26 Marzo, 2021 (Todo o día) a mércores, 30 Xuño, 2021 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda 

ORDE do 8 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT401A).

Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, do distintivo Bandeira Verde de Galicia co que premiar a aqueles concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que destaquen polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe.

2. O distintivo Bandeira Verde de Galicia é unha iniciativa creada no ano 2020 que busca distinguir os concellos máis dinámicos neste eido, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das súas emisións de CO2, o fomento da correcta xestión do lixo, a adopción de medidas para garantir a integridade e limpeza de espazos de interese, a posta en valor de monumentos naturais, educación e sensibilidade ambiental, a redución do consumo enerxético e moitas outras, cun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e poboacións máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

3. O código de procedemento administrativo é MT401A.

Criterios para o outorgamento do distintivo Bandeira Verde de Galicia

O distintivo Bandeira Verde de Galicia outorgarase tendo en conta o grao de cumprimento dos criterios de valoración que son obxecto de desenvolvemento no anexo I desta orde. Os ámbitos de actuación en que se encadrarán as accións incluídas nas candidaturas dos municipios son os seguintes:

a) Ordenación do territorio, protección do ambiente e da paisaxe.

b) Cambio climático e eficiencia enerxética.

c) Xestión responsable dos residuos.

d) Accións de sensibilización e comunicación.

Destinatarios

Poderán optar ao recoñecemento do distintivo Bandeira Verde de Galicia todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que desenvolvan actividades relacionadas cos criterios previstos no artigo anterior, sempre que cumpran o establecido nesta orde de convocatoria.

Caracterización dos concellos de Galicia

Establécense para efectos da valoración das candidaturas tres categorías de concellos. Esta caracterización realízase co fin de introducir criterios de equidade á hora de avaliar os méritos dos concellos para acadar o distintivo da Bandeira Verde de Galicia.

1. Na primeira categoría, e máis restritiva en canto aos requirimentos para a obtención do distintivo, figuran os concellos do primeiro nivel do sistema de asentamentos das DOT: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

2. Na segunda categoría inclúense os concellos do sistema urbano intermedio das DOT, así como todos aqueles clasificados como ZIP segundo a última clasificación elaborada polo IGE do grao de urbanización: Ames, Arteixo, Betanzos, Boiro, Cabanas, Cambre, Carballo, Cedeira, Cee, Corcubión, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Muros, Porto do Son, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Rianxo, Ribeira, Sada, Teo, Burela, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro, Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, A Rúa, Verín, Xinzo de Limia, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Estrada, Gondomar, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Mos, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontecesures, O Porriño, Redondela, Ribadumia, Silleda, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Tui, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa. Inclúense tamén nesta categoría os concellos con poboación superior aos 10.000 habitantes segundo os últimos datos do padrón municipal de habitantes: A Laracha, Ordes e Tomiño.

3. Na terceira categoría integraríanse o resto dos 313 concellos de Galicia.

Entrega dos distintivos Bandeira Verde de Galicia

1. Os concellos premiados recibirán o distintivo Bandeira Verde de Galicia nun acto público para o que serán convocados coa oportuna antelación.

2. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda autoriza cada un dos concellos recoñecidos a poder utilizar o logotipo específico da bandeira durante un ano. O outorgamento deste distintivo constituirá mérito para os efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural.

Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación das solicitudes das candidaturas comezará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e durará ata o 30 de xuño de 2021.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as candidaturas presentadas fóra do prazo e de forma distinta á que se establece nesta orde.

3. A presentación da solicitude comporta a aceptación, por parte de quen a formule, dos termos desta convocatoria.

Descargas: