Axudas para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal. Prazo: 30-10-2023

Data: 

xoves, 15 Xuño, 2023 (Todo o día) a luns, 30 Outubro, 2023 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda 

Orde do 1 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975P). BDNS (Identif.): 700029.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para a execución de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, en concreto, encamiñadas a implementar a recollida separada dos biorresiduos, así como a compostaxe in situ por parte das entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, que teñan asumida a competencia para prestar os ditos servizos (código de procedemento MT975P), ao tempo que se fai pública a súa convocatoria.

2. Son liñas subvencionables as seguintes:

a) Liña 1: Proxectos de implantación, ampliación ou mellora de recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia).

b) Liña 2: Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ).

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lles correspondan en materia de xestión de residuos.

2. Tendo en conta o anterior, as entidades locais poderán formular solicitudes de subvención, ben de forma individual ou ben de forma agrupada con outras entidades locais que reúnan estes mesmos requisitos. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en particular no tocante á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles, que terán, igualmente, a condición de beneficiarios, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local, que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que, para poder conceder a subvención solicitada, todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación en que se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

4. Para poderen ser beneficiarias destas axudas, as entidades locais deberán ter presentado no Consello de Contas de Galicia as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Contía

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2023 e 2024, procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, cun importe total de 10.182.413,07 €.

a) Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1 (código de proxecto 2023 00037), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, cun importe de 1.018.241,31 €, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1: Proxectos de implantación, ampliación ou mellora de recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia): 638.241,31 €.

2º. Importe para a liña 2: Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ): 380.000 €.

b) Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1 (código de proxecto 2023 00037), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, cun importe de 9.164.171,76 €, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1: Proxectos de implantación, ampliación ou mellora de recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia): 5.744.171,76 €.

2º. Importe para a liña 2: Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ): 3.420.000,00 €.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG e ata o 30 de outubro de 2023 ou, de ser o caso, ata o esgotamento do crédito previsto.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 700029): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975P).

-A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do enderezo de correo electrónico axudas.cmaot@xunta.gal

Descargas: