AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE CORRECCIÓN DE IMPACTOS PAISAXÍSTICOS DESTINADAS A CONCELLOS DE GALICIA. PRAZO: 11-10-2021

Data: 

sábado, 11 Setembro, 2021 (Todo o día) a luns, 11 Outubro, 2021 (Todo o día)

 

Instituto de Estudos do Territorio 

Resolución do 3 de setembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2021 (código de procedemento MT402B). Código BDNS: 582060.

Obxecto

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a corrección de impactos paisaxísticos presentes tanto en edificios de titularidade municipal coma en certos equipamentos de titularidade municipal, ou ben os producidos por eles debido ao seu aspecto exterior, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e os obxectivos e criterios que expresan as Directrices de paisaxe de Galicia (código de procedemento MT402B) a través de dúas liñas de axuda.

2. As dúas liñas de axuda obxecto de subvención son as seguintes:

Liña I: edificios ou dependencias destinados á prestación dos servizos municipais. Para os efectos desta resolución, terán a consideración de edificio ou dependencia destinados á prestación dos servizos municipais aqueles relacionados co exercicio de calquera das competencias referidas no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, ou cos servizos incluídos no artigo 26.1 da mesma lei.

a) Renovación do acabado exterior das fachadas (paramentos, carpintarías, cerrallarías) que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia da inexistencia dun adecuado acabado final, o deficiente estado de conservación ou a tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabado.

Poderá empregarse calquera tipo de material de revestimento exterior, sempre que resulte acorde co carácter e o uso da edificación e ofreza un adecuado resultado estético.

b) Remate ou renovación do acabado exterior de cubertas que, ben por estaren rematadas con pranchas de fibrocemento ou outros materiais equivalentes, ben por atoparse nun deficiente estado de conservación, constitúen un impacto paisaxístico.

Para o novo acabado exterior das cubertas empregarase preferentemente tella cerámica ou lousa (en función do material tradicional da comarca), aínda que poden empregarse outros materiais e solucións acordes coa edificación e que ofrezan un adecuado resultado estético.

c) Revestimento ou renovación de muros de cerramento de predios que, por estaren realizados con ladrillo ou bloques de formigón sen revestir ou formigón armado, ou polo seu mal estado de conservación, constitúan un impacto paisaxístico.

Realizaranse preferentemente revestimentos de fábrica de pedra semellante á cachotaría tradicional, ben que poden realizarse outro tipo de solucións, en todo caso adaptadas aos criterios da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados; en particular, a substitución de muros opacos por solucións diáfanas ou sebes vexetais.

Liña II: equipamentos de titularidade municipal que se sinalan a continuación, que polo seu deficiente estado de conservación ou pola súa propia configuración se asocian co problema do feísmo e producen unha distorsión da paisaxe no contorno natural ou urbano onde se sitúan:

Fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos.

Trátase, en todo caso, de actuacións de índole menor xa que non se cambiará o seu uso nin se aumentará o volume dos elementos estruturais que os compoñen.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 20.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en data 1 de xaneiro de 2020, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitido as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2020 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Contía

Destínase crédito por importe total de oitocentos mil euros (800.000 €), financiado con fondos propios da Comunidade Autónoma:

a) Con cargo á liña I: ata un máximo de catrocentos mil euros (400.000 €).

b) Con cargo á liña II: ata un máximo de catrocentos mil euros (400.000 €).

A contía máxima será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de:

Liña I: 25.000 € por concello.

Liña II: 10.000 € por concello.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

 

Descargas: