Axudas do Plan de rehabilitación de camiños municipais de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria 2023-2024 (Feader). Prazo: 22-01-2024

Data: 

sábado, 23 Decembro, 2023 (Todo o día) a luns, 22 Xaneiro, 2024 (Todo o día)

 

Consellería do Medio Rural

Orde do 11 de decembro de 2023 pola que se regula o Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria 2023-2024 de mellora de camiños municipais de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria rematadas, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MR101L).

BDNS (Identif.): 733888

Obxecto

O obxecto desta orde é:

a) Establecer as normas de xestión do procedemento para a concesión das axudas que se outorguen ao abeiro do Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria 2023-2024 de mellora de camiños municipais de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria rematadas.

b) Aprobar as bases reguladoras e convocar as axudas para o ano 2024.

c) Aprobar os importes máximos para cada concello.

d) Aprobar os formularios para a xestión do procedemento.

e) Aprobar o modelo de resolución de concesión da axuda.

Concellos beneficiarios

1. Poden ser concellos beneficiarios todos os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter, dentro dos seus límites, zonas de reestruturación ou concentración parcelaria rematadas.

b) Conter un mínimo de 10 quilómetros de camiños nas ditas zonas.

c) Ter unha porcentaxe do uso da terra, segundo a definición do artigo 2, superior ao 39 %.

d) Ter remitido ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigados antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

e) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito comprobarase con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 18 desta orde.

2. Non poderán ter a condición de concellos beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2024, de seis millóns de euros (6.000.000,00 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Actuacións subvencionables

1. Son subvencionables as actuacións de ampliación e/ou mellora dos camiños municipais nos seguintes termos:

a) Ampliación: as que supoñan un incremento da largura que incida na mellora da seguranza viaria, permita o cruzamento de vehículos ou sobrelargos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Tamén poderán incluír obras de incremento de lonxitude sempre e cando esta ampliación supoña rematar nunha estrada ou noutro camiño.

b) Mellora: as que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan. Terán tamén esta consideración as obras de mellora da drenaxe, da seguranza viaria, reforzo de noiros (con muros ou outras estruturas de contención), adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de cunetas, así como a integración ambiental ou a mellora da sinalización.

2. Para os efectos desta orde, enténdese por camiño municipal o previsto no artigo 2.g) desta orde.

3. Cada concello poderá presentar ata un máximo de tres proxectos.

Cada proxecto poderá comprender un máximo de tres actuacións. Para estes efectos, enténdese por actuación a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física.

4. Todos os proxectos que se presenten deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non estar iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.

Os concellos solicitantes poderán iniciar a execución dos proxectos antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non están iniciados na data de solicitude da axuda mediante acta que reflicta fidedignamente o non inicio da obra, na forma establecida no artigo 11.1.e).

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia, dentro do termo municipal e no ámbito do perímetro dunha zona de concentración/reestruturación parcelaria rematada, exceptuando as parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á Clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016).

c) Que as actuacións propostas incidan sobre camiños de titularidade municipal, definidos no artigo 2.f).

d) Que se axusten á normativa sectorial (estatal, autonómica e local) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

e) Que sexan viables tecnicamente.

f) Que sexan finalistas. Isto significa que no momento do pagamento final cumpran cos obxectivos e funcións para os cales se concedeu a axuda.

5. Cada proxecto que se presente deberá axustarse ás seguintes especificacións:

a) Deberá integrarse nun único documento en formato pdf asinado, en que se recolla:

1º. Memoria descritiva coa identificación do seu obxecto e xustificación da necesidade das actuacións propostas.

2º. Informe fotográfico descritivo da situación actual dos camiños onde se pretende actuar.

3º. Arquivo electrónico (.kml) cos trazados dos camiños, conforme as instrucións que facilitará a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

4º. Planos de localización e de detalle necesarios, indicando o trazado exacto das actuacións, a súa lonxitude e largura e os puntos de inicio e final debidamente xeorreferenciados.

5º. Xustificación dos prezos das unidades de obra.

6º. Medicións e orzamento desagregado por actuacións.

Os custos do control de calidade non deberán integrarse no orzamento do proxecto. En caso contrario, non se considerará un gasto subvencionable, nos termos previstos no artigo 5.1.b) desta norma.

b) As unidades de obra utilizadas nos proxectos terán que axustarse na súa totalidade á estrutura e descomposición das tarifas Seaga vixentes, que están publicadas na ligazón http://212.51.53.216/pdf/Transparencia/tarifas/TARIFAS_SEAGA_VIXENTES.pdf

As unidades de obra manterán todos os elementos unitarios que a conforman nas tarifas Seaga (man de obra, materiais, maquinaria, medios auxiliares), tendo en conta que:

1º. Non se poden modificar as cantidades necesarias nin os rendementos dos elementos que compoñen a unidade de obra.

2º. Soamente se poderán modificar os prezos dos elementos unitarios referidos anteriormente, sempre e cando o prezo da unidade de obra non supere en máis dun 20 % o das citadas tarifas.

Todas as unidades de obra que non respecten o establecido nos parágrafos anteriores serán consideradas como non subvencionables.

c) Non se admitirán actuacións descontinuas ou que consistan no arranxo parcial de treitos de camiño de lonxitude inferior aos 100 metros ou que non abranguen a totalidade do largo da plataforma do camiño.

d) Unha vez presentada a solicitude de axuda non se admitirá a inclusión de novas actuacións distintas das recollidas inicialmente no proxecto de obra.

e) Non se subvencionará ningún investimento que incida sobre as actuacións subvencionadas nos plans de mellora de camiños de titularidade municipal ou en procesos de reestruturación parcelaria financiados con fondos Feader nos últimos 5 anos. Neste caso excluirase da actuación proposta a parte proporcional do orzamento que incumpra este requisito.

Solicitudes e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo IV dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 733888): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

-No teléfono 981 54 39 72 ou 981 54 47 66.

-No enderezo de correo electrónico: supervision-proxectos.mr@xunta.gal

-Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

 

 

Descargas: